Censura a cobertura das informacións relativas ás actuacións de restauración da mina de Touro “que pareceu máis unha publirreportaxe pagada pola propia empresa coa conivencia da CRTVG”
A voceira de CRTVG do Grupo Socialista, Noa Díaz, denunciou hoxe a “inadmisible falla de pluralidade e a manipulación” nos espazos informativos de TVG e Radio Galega tras 206 Venres Negros. Fíxoo na Comisión de CRTVG do Parlamento, a través da presentación dunha pregunta oral ao director xeral da corporación.
“Falamos dunha manipulación premeditada e dirixida dende a dirección da cadea, porque do que estamos seguras é da profesionalidade das traballadoras e traballadores da cadea, que en moitas ocasións teñen que cumprir ordes a cambio de non sufrir represalias”, alertou a socialista.
Así, “a resposta á non obediencia adoita ser sancións, expedientes e represalias” e, incidiu, “xa van uns cantos exemplos disto ratificados nos tribunais”, xa que a “falla de pluralidade” nestes espazos vén sendo “unha constante nesta última década que non só denunciamos os grupos políticos da oposición, senón tamén os propios traballadores e traballadoras”.
UN DOS ÚLTIMOS EXEMPLOS, AS INFOMRACIÓNS SOBRE A MINA DE TOURO
Neste contexto, a socialista sinalou un dos últimos exemplos foi o acontecido o pasado 10 de marzo cando os espazos informativos da CRTVG emitiron unha peza sobre o proxecto de restauración de augas que comezou na mina de Touro.
“Sen cuestionar a idoneidade de informar sobre esa actuación, que leva 30 anos de atraso e que o propio goberno galego tivo que forzar, é inexplicable que a única testemuña da peza fose un directivo da empresa executora. E tamén é inexplicable tanta cobertura a unha acción que a empresa debera ter feito hai tres décadas”, sentenciou.
Sendo a mina de Touro “un proxecto polémico e rexeitado por organizacións de defensa da natureza e de boa parte da veciñanza” de Touro e O Pino, “o relato debera ser contrastado ou ampliado coa opinión desas outras voces”; pola contra, criticou a socialista, “pareceu máis unha publirreportaxe pagada pola propia empresa coa conivencia da CRTVG”.