Censura a “falla de estratexia” en materia lingüística do Executivo galego, á vista de que o IGE sinala que “unha terceira parte das rapazas e rapaces de 5 a 14 anos recoñece non saber escribir en galego e o 20% nin falalo nin lelo”
Cuestiona se a Política Lingüística do novo goberno da Xunta vai ser “a de non respecto á nosa toponimia”, despois de que “quen parece será o próximo presidente da Xunta” sinalase que “non é un problema” o uso de ‘Sanjenjo’, se sirve para promocionar o Xacobeo
A voceira de Normalización Lingüística do Grupo Socialista, Noa Díaz, denunciou hoxe a “falla de compromiso e vontade” coa lingua galega por parte da Xunta, logo dunha diminución orzamentaria do 22,64% no exercicio de 2022. Fíxoo, na Comisión de Cultura do Parlamento, trala comparecencia do director xeral de Política Lingüística.
“O programa de fomento da lingua galega é un dos máis prexudicados nos orzamentos da Xunta”, criticou a socialista, tras sinalar que existe unha redución de tres millóns de euros nesta partida, o que supón case unha cuarta parte do orzamento do exercicio pasado e cando existe unha diminución orzamentaria do 41% con respecto ao ano 2009 cando gobernaba a Xunta o socialista Emilio Pérez Touriño.
Neste marco, Díaz censurou a “falla de estratexia” en materia lingüística do Executivo galego, cando os datos do IGE aseguran que unha terceira parte dos rapaces e rapazas de 5 a 14 anos recoñece non saber escribir en galego e o 20% nin falalo nin lelo” e tendo en conta que, ano tras ano, o Consello de Europa incide na “perda de presenza do galego no ensino causada pola política lingüística da Xunta”.
Engadido a isto, remarcou, a Real Academia Galega, no seu estudo de avaliación da competencia bilingüe dos escolares galegos ao rematar a ESO, “pon de manifesto que se incumpre o obxectivo marcado na lei de que o alumnado debe rematar a educación obrigatoria con capacidade para empregar de forma correcta, adecuada e eficaz as dúas linguas oficiais de Galicia” e incide en que “entre a mocidade xa non se pode dicir que o galego sexa a lingua máis falada porque a porcentaxe de uso entre os 15 e os 29 anos era, no 2018, dun 37%”.
“Non existe –a Secretaría Xeral de Política Lingüística– só para organizar actividades, senón para acadar un fin concreto”, sentenciou a socialista, quen lembrou que “a potenciación do emprego da lingua galega en todos os ámbitos” da vida pública, cultural e informativa “vén marcado polo Estatuto de Galicia e pola propia Lei de Normalización Lingüística” como unha obriga do goberno galego.
A POLÉMICA SOBRE O TOPÓNIMO ‘SANJENJO’: “É INACEPTABLE”
Noutro orde de cousas, a voceira socialista chamou á Xunta a tomar “medidas contundentes” para garantir o respecto á toponimia oficial, “comezando polo propio goberno galego” ao lembrar o acontecido recentemente co financiamento por parte da Xunta dun programa radiofónico que Federico Jiménez Losantos realizou dende a vila pontevedresa de Sanxenxo no que se incluía unha forma toponímica inexistente, Sanjenjo, que figura xunto co logotipo oficial do Xacobeo.
“É inaceptable que o goberno galego sexa partícipe deste maltrato á nosa lingua, tanto por non ter sometido a control toda a publicidade sufragada con fondos públicos como por non actuar, unha vez coñecido este atentado á nosa toponimia”, sentenciou a socialista, quen censurou a resposta dada “por quen parece será o próximo presidente da Xunta” sobre esta cuestión á propia Díaz en sesión parlamentaria.
“A nova política lingüística do novo goberno da Xunta vai ser esa, a de non respecto á nosa toponimia?”, cuestionou a socialista. “Todo vale pola promoción do Xacobeo? Comparte vostede a idea do señor Rueda de que utilizar ‘Sanjenjo’ non é un problema para que a Xunta subvencione unha actividade na que se deturpa a nosa toponimia sempre que sirva para promocionar o Xacobeo?”, incidiu Díaz. “Aínda non saio do meu asombro desa resposta”, concluíu.