A deputada socialista Noa Díaz vén de rexistrar unha batería de iniciativas no Parlamento de Galicia para que denunciar a discriminación que está a padecer parte do alumnado dos municipios de Outes e Muros para acudir aos seus centros educativos en transporte público. “Esa discriminación”, alerta a parlamentaria, “prodúcese mesmo entre familias que viven no mesmo concello”.
Para corrixir esta situación, e sumándose ás reivindicacións da veciñanza afectada, a parlamentaria do PSdeG reclámalle á Xunta a mellora do trazado e dos horarios da liña entre Noia e Muros de maneira que sexa compatible co horario escolar dos IES Campo de San Alberto e Virxe do Mar de Noia. O obxectivo final é que todo o alumnado dos Concellos de Outes e Muros poida beneficiarse das viaxes gratuítas da Tarxeta Xente Nova.
Noa Díaz lembra que a vertebración axeitada do territorio que asegure a equidade no acceso aos servizos públicos “debera ser unha obriga de calquera administración” para que non existan discriminacións en función do lugar onde se habite. Porén, a deputada socialista revela que esta premisa “non se está a cumprir” nalgunhas parroquias dos concellos de Outes e Muros.
Nelas o transporte público non é compatible cos horarios dos centros de ensino de referencia de FP, ESO e Bacharelato de Noia. “Isto provoca”, subliña, “non só unha disfunción nos horarios senón tamén a imposibilidade de facer uso da Tarxeta Xente Nova por parte do alumnado”. De feito, esta circunstancia obrigou ás familias a contratar un servizo discrecional de transporte que, “lonxe da gratuidade da tarxeta, ten un custe de 54 euros por persoa”.
Neste senso, Díaz indica que as liñas de transporte público que atravesan as parroquias de o Freixo e Cruceiro de Roo, en Outes, “non se corresponden cos horarios de entrada e saída dos IES Campo de San Alberto e IES Virxe do Mar de Noia”. Así, “no mellor dos casos”, o autobús deixaría os rapaces e rapaces nos institutos ás 7:50h -50 minutos antes da hora de entrada- e pasaría a recollelos unha hora despois da saída.
Noa Díaz denuncia que “a situación é aínda máis grave no concello veciño de Muros”. Neste caso, á incompatibilidade horaria súmase ao feito de que a liña discrecional só chega a Esteiro, polo que as familias que viven máis lonxe teñen que levar os nenos e nenas ata ese punto para poder coller o autobús.
Neste contexto, Noa Díaz demándalle ao goberno galego medidas para rematar con esta discriminación, “que so afecta aos concellos de Outes e Muros na comarca do Barbanza”.