Lamenta que “a medida que medran as esixencias para a universidade pública, fanse máis laxos os requisitos para a privada”
A voceira de Universidades do Grupo Socialista, Noa Díaz, vén de criticar a “laxitude” e “falla de garantías” da lei de universidade privada da Xunta. Fíxoo, hoxe, no Parlamento, durante o debate sobre a elaboración do ditame do proxecto de lei de recoñecemento da universidade privada e, ante o cal, o PSdeG presentou 21 emendas ao articulado, das que só foi aprobada unha, toda vez que a emenda á totalidade do proxecto de lei non prosperase polo voto en contra do PP.
“Van aprobar un proxecto de lei de recoñecemento da primeira universidade privada de Galicia sen absolutamente ningún argumento que a xustifique”, censurou a Díaz, logo de lamentar que “deixan ir esmorecendo o sistema público universitario”, dado que, “a medida que medran as esixencias para a universidade pública, fanse máis laxos os requisitos para a privada”.
Neste senso, a voceira socialista cualificou o texto como unha “lei de mínimos” que “abre a porta a todos os proxectos privados de educación superior que poidan xurdir no noso país”. “Non quixeron ser, neste primeiro proxecto de lei, o garantistas que debían na aceptación dunha iniciativa privada” que “é de todo innecesaria” e “incumpre a legalidade”.
“Como se axusta aos principios legais cando sabe que a lei do sistema universitario galego expresamente prohibe novas universidades cando os estudos son reiterativos?”, preguntou Díaz para incidir en que este proxecto se solapa coa oferta do sistema público galego, o que supón que “pode poñelo en risco e debilitalo”.
Así, Díaz censurou que o PP “pase de puntillas” e “agoche a cabeza” sobre o proceso de inspección, control e vixilancia da universidade privada ao permitir, por exemplo, que as súas normas de funcionamento e organización “non sexan sometidas ao visto e prace, ou polo menos ao coñecemento, do Parlamento”. “Non hai vontade de control deste proxecto”, censurou, o que supón “unha carta branca inaceptable”.
“CÓMPRE PRIORIZAR AS TRES UNIVERSIDADES PÚBLICAS”
Finalmente, a voceira socialista reiterou a posición do PSdeG: “non nos opoñemos ás iniciativas privadas, nin moito menos, pero estas teñen que chegar con argumentos sólidos e, dende logo, non como ameazas ao público que xa existe e que ten demostrado a súa máis alta calidade, a pesar da asfixia á que se ve sometida por parte do goberno galego”.
“Cómpre priorizar as tres universidades públicas que teñen demostrado e acreditado sobradamente a súa excelencia de calidade docente e investigadora e a súa capacidade para satisfacer ao alumnado e tamén ao tecido produtivo”, sinalou. Para iso, concluíu, “é preciso e urxente reforzar e ampliar o Plan de Financiamento 22-26 e outorgar unha maior flexibilidade ás universidades públicas para, tal e como esixen, adaptarse ás novas necesidades sociais e económicas”.