A voceira de Igualdade do Grupo Socialista inala que o PSdeG “é o único partido que historicamente cumpriu coa paridade” neste organismo
O PSdeG xa rexistrara unha proposición de lei na Cámara galega, en xuño do 2021, “para blindar a paridade de xénero nos órganos autonómicos”
A voceira de Igualdade do Grupo Socialista, Noa Díaz, chamou hoxe ao cumprimento da paridade no Consello de Contas despois de que, trala renovación de tres dos seus cinco membros nas últimas horas, este órgano estea conformado unicamente por homes.
“Historicamente”, sinalou a socialista, “o PSdeG foi o único partido que cumpriu o criterio de paridade neste organismo”, xa que nos 30 anos “designamos a 7 conselleiros e conselleiras, dos cales catro foron homes e tres, mulleres; tendo en conta ademais que o actual membro designado polo PSdeG é un home que entrou para substituír a unha muller tralo seu falecemento mentres exercía o cargo”.
Fronte a isto, Díaz lamentou que “nas últimas tres décadas o PP nomeou a 15 homes e só unha muller; e o BNG, a dous homes fronte a ningunha muller”.
“Cremos que é necesario garantir a presencia equilibrada entre homes e mulleres dentro da Xunta e nos órganos vinculados”, subliñou a socialista quen recordou que o PSdeG xa presentara na Cámara galega, en xuño de 2021, unha proposición de lei de reforma do decreto lexislativo 2/2015, en materia de igualdade “para blindar a paridade de xénero nos órganos autonómicos”, de xeito que cada xénero supoña, como mínimo, o 40%.
“É vital colocar a mulleres en postos decisorios”, destacou a socialista tras avogar por “dar á muller a relevancia que lle corresponde por xustiza social”. “Temos que romper dunha vez por todas os teitos de cristal e os estereotipos de xénero tan inoculados na nosa sociedade”, incidiu.
“A ausencia de mulleres na esfera pública na que se toman decisións xera un modelo que perpetúa as desigualdades”, sinalou a socialista tras recordar a “foto da vergoña” da sociedade público-privada impulsada pola Xunta para a xestión dos proxectos beneficiarios dos fondos europeos ‘Next Generation’, onde o goberno galego anunciou, inicialmente, un consello de administración composto unicamente por homes.