A portavoz de Cultura do Grupo Socialista, Noa Díaz, denunciou hoxe que a Cidade da Cultura “pouco ou nada ten que ver cun verdadeiro centro cultural de creación e de expresión artística”, como fora concibida orixinalmente. Díaz presentou unha pregunta oral en Comisión para reclamarlle á Xunta que recuperen o concepto inicial a través do II Plan Estratéxico para o período 2021 – 2027.
Este Plan Estratéxico, que estaba anunciado para o primeiro semestre do ano e contaba coa colaboración dun grupo de 60 expertos, continúa inédito ás portas do primeiro semestre de 2022. Reclamou así “recuperar os usos culturais do complexo” tal e como fora a súa intención orixinal cando foi creada ao final do mandato de Manuel Fraga, e que foi derivando en diversos usos afastados da vida cultural.
Díaz lembra que a Cidade da Cultura, que este ano cumpre o seu décimo aniversario, foi planeada na súa orixe como un proxecto con seis grandes edificios ata que en 2013 Feijóo paralizou dous deles, o Teatro e o Centro da Arte, para retomalos cinco anos despois reconvertidos no Edificio Fontán e o Centro de Ciberseguridade. Recentemente coñecemos, lembrou, que a Xunta cederá un dos principais espazos a Indra para situar un centro tecnolóxico.
Nestes momentos, a Cidade da Cultura conta co Museo Centro Gaiás, a Biblioteca e Arquivo de Galicia refundidos nun único espazo, o Centro de Emprendemento Creativo e o Centro de Innovación, destinado a usos administrativos e a sede de Amtega.
Así, nun mesmo complexo convivirán en breve espazos de coworking, a Axencia Oficial de Modernización Tecnolóxica, o Consorcio Interuniversitario do SUG, a Axencia para a Calidade do SUG, o Centro de Excelencia en Tecnoloxías Innovadoras no Ámbito Socio Sanitario, e o Centro de Ciberseguridade. Estes compartirán localización cun museo sen colección permanente e a Biblioteca e Arquivo de Galicia.
A situación chega a que a día de hoxe a mesma cidade de Santiago e a súa Universidade, cun orzamento “irrisorio” ao lado da CdC, teñen organizado aínda máis actividades. Sinalou que precisamente a programación de actividades culturais non debe ser o fin da Cidade da Cultura, que “máis que un contedor cultural debe ser un verdadeiro centro cultural, aberto ás xentes da cultura para que dean renda solta á súa creatividade en espazos propios”.