A portavoz de Igualdade do Grupo Socialista, Noa Díaz, criticou hoxe os “escasos esforzos” amosados pola Xunta para avanzar na corresponsabilidade. Díaz presentou unha interpelación no Pleno do Parlamento na que alertou da redución “brutal” do programa destinado á corresponsabilidade e conciliación, que reduciron un 25 por cento nos Orzamentos deste ano.
A responsable socialista advertiu de que “asistimos a como o goberno galego continua na senda de facilitar a conciliación sen avanzar previamente no reto primordial de traballar a corresponsabilidade”. Así o demostra a redución do dito programa xustamente logo do acordo dos tres grupos parlamentarios para que a Xunta reforzara os programas de conciliación e corresponsabilidade, unha proposta que foi aprobada na Comisión sobre a reactivación de Galicia.
Díaz desbotou o argumento da Xunta sinalando que os fondos “proceden doutros departamentos do goberno”, porque, dixo, “non son para corresponsabilidade, senón para unha conciliación nada corresponsable, nin moito menos responsable”. Apuntou que “o goberno galego debe asumir a súa responsabilidade e dar resposta ao mandato do Parlamento impulsando unha repartición máis igualitaria entre mulleres e homes da carga dos coidados”.
Fenda de xénero
Advertiu de que “se non hai corresponsabilidade, non funcionarán as medidas de conciliación” e “non se solucionará ningunha fenda de xénero que afecta á calidade vital e laboral das mulleres”. Apuntou que “o obxectivo debe ser conseguir, a través de políticas transversais, a participación equilibrada entre mulleres e homes na vida familiar e no mercado de traballo coa reestruturación e reorganización dos sistemas laboral e educativo e dos recursos sociais”.
A parlamentaria socialista engadiu que o obxectivo é “introducir a igualdade de oportunidades no emprego, variar os roles e estereotipos tradicionais e cubrir as necesidades de atención e de coidado”, o que “precisamente é atender á corresponsabilidade”.