A parlamentaria socialista Noa Díaz vén de presentar unha serie de iniciativas parlamentarias nas que acusa á Xunta de “defender os intereses de Toysal antes que aos veciños e veciñas de Teo afectados pola mina de Casalonga”. Díaz denuncia “trato de favor á empresa ao aprobar un plan de restauración que non recolle o estado actual da canteira e o inicio dunha expropiación dun vial que é de uso veciñal dende hai anos”.
A responsable socialista leva ao Parlamento a “indignación dos veciños e das veciñas” denunciando “nocturnidade e alevosía” por parte do goberno galego ao aprobar o Plan de Restauración da mina en pleno mes de agosto. Ademais, lembra, o plan vén ser “o mesmo que hai 20 anos, e polo tanto non reflicte a situación actual da canteira, cunha lagoa e cun ecosistema natural perfectamente formado”.
Noa Díaz puntualiza que “desconfiamos de que a restauración prevista sexa forestal, cando quen a vai realizar vai ser unha empresa de xestión de residuos”, polo que preguntou cal vai ser o futuro da lagoa que se ten formado, así como dos restos dos residuos, tanto mineiros como non mineiros, que existen na canteira.
Ademais, considera “demencial” que a Xunta “expropie un vial –a estrada que cruza a canteira- que utilizan os veciños para moverse polo seu Concello e llelo entregue á empresa para impedir que os veciños e as veciñas coñezan o que a empresa está a facer”.