O candidato do PSdeG a renovar o seu escano no Parlamento Europeo sinalou na súa visita a unha queixería de Vilalba que o Perte agroalimentario está a impulsar a innovación e o desenvolvemento de novos produtos
O eurodeputado visitou pola tarde a SAT Vilamaior de Negral, onde afirmou que agricultores e gandeiros “van ter máis posibilidades de solicitar as axudas da PAC grazas á influencia dos socialistas en Europa”
O eurodeputado socialista Nicolás González Casares valorou hoxe en Vilalba os efectos positivos dos fondos europeos de recuperación sobre a economía galega. González Casares visitou, na compaña da alcaldesa, Marta Rouco, as instalacións da queixería Prestes no polígono de Sete Pontes. Alí puxo a empresa vilalbesa como “exemplo de innovación no medio rural”, unha innovación que serve, dixo, para mellorar procesos e lanzar novos produtos, e que “ás veces necesita apoios e palancas” como as que sufraga a UE a través dos programas de axudas postos en marcha polo Goberno.
“E iso tamén se fai na provincia de Lugo, onde hai case 4.000 beneficiarios dos diferentes fondos de recuperación”, explicou. Entre eles, detallou, o PERTE agroalimentario, que dá soporte, entre outros aspectos, á adaptación dixital ou ao desenvolvemento de novos produtos, e que permite, ademais, “iniciativas coma as de esta queixería, incluso con investigación con microalgas engadidas aos procesos lácteos”.
González Casares destacou Prestes como “un bó exemplo” do xeito no que se poden aproveitar “os fondos de recuperación que o Goberno socialista de España trouxo tamén a Galicia”, uns recursos que “outras formacións políticas non tiveron tan claros”. Subliñou, ademais, que eses fondos están contribuíndo á dinamización de territorios alleos ás cidades e ás grandes industrias.
Durante a súa visita tamén fixo referencia á ampliación do prazo para solicitar as axudas da Política Agraria Común ata o próximo 15 de xuño, “conseguido polo ministro Planas en Bruxelas”. “É unha moi boa noticia para os agricultores e os gandeiros da nosa terra e tamén para queixerías coma esta”, porque beneficia aos seus provedores, afirmou.
Cerca de 23.000 beneficiarios
O candidato insistiu xa pola tarde, durante a súa visita á SAT Vilamaior de Negral, en que “os agricultores e gandeiros van ter máis posibilidades de solicitar as axudas da PAC grazas a decisión do Goberno de España e á influencia dos socialistas en Europa, unha influencia que non teñen outros partidos políticos”.
González Casares asegurou que a Política Agraria Común é un “soporte continuo” para as explotacións, que así teñen capacidade de mecanizarse, innovar “e adaptarse aos tempos” ao abeiro da PAC. “Por iso, ás veces, asustámonos cando dende o PP optan polo involucionismo”, dixo.
O eurodeputado recordou que Galicia vai recibir 1.000 millóns de euros en axudas directas que van chegar a preto de 23.000 beneficiarios, “para que estas explotacións non só sigan existindo e fixando poboación no rural, senón para que tamén innoven”.