O candidato do PSdeG-PSOE ao Parlamento Europeo sumouse no municipio ourensán á reivindicación de mellores comunicacións co norte de Portugal
O eurodeputado galego defendeu que só dende unha maioría socialista é posible unha Europa na que Galicia teña voz e poida influír nos asuntos que lle afectan
Nicolás González Casares reivindicou hoxe en Lobios a colaboración transfronteiriza como un valor da Europa “do avance e do futuro”. O eurodeputado participou esta tarde no mitin co que os socialistas de Ourense e do norte de Portugal pecharon un acto para reivindicar que a AG-31 teña continuidade ata a fronteira lusa, e no que defendeu que o proxecto socialista é o único con capacidade “para que Galicia teña voz e capacidade de influír en Europa”.
González Casares lembrou que nesta lexislatura Galicia acadou a súa inclusión no corredor atlántico da rede transeuropea de transporte e que xa dispón dunha conexión de alta velocidade co resto de España. Mais sinalou a importancia de unir tamén territorios coma a provincia de Ourense e o norte luso a través de infraestruturas como as vías de alta capacidade, co fin de facilitar as relacións entre os habitantes de ambos lados da raia.
“O Parlamento Europeo está no corazón de moitas decisións”, dixo respecto ás comunicacións, pero tamén a outros asuntos, como a posibilidade de que os pesqueiros galegos poidan faenar noutros países, a concesión de axudas á agricultura e a gandaría, a campaña de vacinación contra a covid ou a chegada dos fondos de recuperación.
O candidato asegurou que Europa “necesita máis ca nunca” un voto en defensa da democracia, dos valores da paz, a igualdade, a liberdade e a solidariaedade, fronte a desafíos coma o ascenso da ultradereita “e os seus ataques ao noso modelo social e democrático”.
Nicolás González Casares defendeu unha Europa “xusta e social”, con “plena igualdade” entre mulleres e homes, na que as grandes corporacións “paguen o que lles corresponde”, na que se combata o cambio climático “sen deixar a ninguén atrás” e “unha Europa que enfronte o desafío demobráfico e na que Galicia prospere”. “Esa Europa só será posible da man duna maioría socialista”, afirmou.
Xunto ao candidato socialista, participaron no mitin a súa compañeira de lista Lorena Guerra, o secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino; o presidente da Cámara de Melgaço, Manoel Batista; o alcalde de Entrimo, Ramón Alonso, e o concelleiro socialista de Lobios Patrick Rodríguez.
Previamente, o PSdeG e o Partido Socialista portugués celebraron un acto para reivindicar unha vía de alta capacidade a través da fonteira da Madalena. Ambas representacións subliñaron a importancia dos fondos europeos para impulsar que a AG-31 continúe desde Celanova, onde remata agora, ata a fronteira, co fin de unirse a outra autovía no país veciño.