O candidato do PSdeG ao Parlamento Europeo sinala que “demostramos que o noso obxectivo é facer Europa dende Galicia e tamén facer Galicia dende Europa”
O candidato do PSdeG ao Parlamento Europeo, Nicolás González Casares, saudou hoxe o anuncio do ministro de Transportes, Óscar Puente, de máis de 4.500 millóns de euros de investimento para o Corredor Atlántico en Galicia antes de 2030. Dixo que esta “boa nova” está aliñada coas decisións das institucións europeas, que avanzan nesta dirección a través do Regulamento da Rede Transeuropea de Transportes.
O europarlamentario galego dixo que o reforzamento da posición de Galicia no mapa da Rede Transeuropea de Transporte foi posible grazas ao traballo dos socialistas no Parlamento Europeo e dende o Goberno socialista.
González Casares lamentou sen embargo o voto en contra do PP e do BNG ao acordo para a rede de transportes, que foi ratificado o 24 de abril por 565 votos a favor e 37 en contra, incluíndo os europarlamentarios populares e nacionalista. Puntualizou que “cando hai que demostrar compromiso con Galicia non valen escusas, os socialistas sempre estamos onde temos que estar, defendendo os intereses da cidadanía galega”, sinalou.
Dixo que este acordo e o anuncio feito público esta mesma semana polo ministro de Transportes vai máis alá das esixencias dos regulamentos comunitarios, ao anticipar investimentos na rede global, e demostran que “os socialistas cumprimos con Galicia, e a vindeira lexislatura imos priorizar, como fai o Goberno de España, a conexión ferroviaria de mercadorías entre Ferrol e Lugo e, “por suposto”, a conexión atlántica Vigo – Oporto.
En alusión á conexión de Galicia coa cidade lusa, asumiu o compromiso de traballar man a man cos “colegas portugueses” na dirección de priorizar esta intervención para que “poida ser unha realidade canto antes, no horizonte da década de 2030”.