O eurodeputado do PSdeG contrapuxo no debate en televisión dous modelos de UE: “Cando a dereita toma as decisións, as crises veñen con recortes e sufrimento. Cando os socialistas están ao mando, sáese das crises con investimentos”
“Mentres uns pelexabamos pola excepción ibérica, o PP atacaba unha medida que permitiu aforrar 700 euros a cada familia” na factura da luz, lembrou, e asegurou que o voto aos socialistas garante que Galicia terá voz “e influencia” en Bruxelas
O eurodeputado Nicolás González Casares defendeu esta mañá no debate electoral da TVG o modelo dos socialdemócratas para a UE, como “garantes da paz e da democracia”, pero tamén da xustiza social. “Cando a dereita toma as decisións, as crises veñen con recortes e sufrimento. Cando os socialistas están ao mando, sáese das crises con investimentos”, asegurou.
O candidato do PSdeG a renovar o seu escano no Parlamento Europeo o vindeiro 9 de xuño lembrou que foi o Goberno socialista o que conseguiu os fondos de recuperación “despois de pelexar no verán do 2020”, mentres que chama a atención, dixo, que o PP estivera “en contra da chegada” deses fondos tras a pandemia.
González Casares recordou que agora España é “o país que máis medra entre as grandes economías” da Unión, mentres unha Xunta “inoperante” non está a executar os fondos europeos. “Dío o Consello de Contas”, subliñou.
“Hai que avanzar nunha transición industrial e ecolóxica xusta”, sinalou, e criticou, nese senso, que “mentres uns pelexábamos pola excepción ibérica, o PP atacaba unha medida que permitiu aforrar 700 euros a cada familia” na factura da luz.
Nicolás González Casares mostrouse moi preocupado co avance da extrema dereita no continente. “O PP converteuse na chave que abre a porta de Europa á ultradereita, e os socialistas somos o muro de contención”, prometeu. “Sabemos paralos”, insistiu.
No seu minuto final, o eurodeputado comprometeuse tamén a seguir defendendo en Bruxelas os asuntos que máis preocupan aos galegos e ás galegas, e garantiu que co voto ao Partido Socialista “Galicia terá voz en Europa, pero ademais terá influencia”.