O candidato do PSdeG-PSOE a eurodeputado participou esta mañá nun debate no Club Español da Enerxía, no que destacou as oportunidades de desenvolvemento industrial que ofrece a transición enerxética ás empresas galegas
Madrid, 24 de maio. O eurodeputado socialista galego Nicolás González Casares defendeu esta mañá en Madrid a creación dun novo fondo europeo específico para financiar tecnoloxías verdes que permita dar continuidade ao impulso inversor ligado aos fondos de recuperación. “Con este fondo, Galicia e as empresas galegas poderán seguir profundizando nas oportunidades de desenvolvemento industrial que ofrece a transición enerxética e seguir exercendo un papel de liderado”, asegurou.
Durante a súa intervención nun debate organizado polo Club Español da Enerxía, o candidato do PSdeG-PSOE lembrou que os fondos Next Generation EU terán vixencia ata o ano 2026, polo que será necesario deseñar novos instrumentos financeiros para dar continuidade aos investimentos necesarios para a transición enerxética. “Aspiramos a continuar na senda dos NGEU, que tanto están beneficiando á industria galega e coa que tanto colaboramos nestes anos, e por iso defendemos a creación dun novo fondo específico de tecnoloxías verdes para axudar á industria neste esforzo común”, remarcou.
A este respecto, González Casares salientou que os socialistas son a “proba e garantía” de que Galicia e España seguirán a liderar as políticas de transición enerxética na próxima lexislatura e, como mostra, incidiu no liderado exercido nos últimos anos por Teresa Ribera, o Goberno socialista de España e o Grupo Socialista no Parlamento Europeo (o propio Casares foi recoñecido recentemente como o eurodeputado máis influinte en materia enerxética). “O Partido Socialista é o garante da defensa dos intereses de Galicia en Europa: foino nesta lexislatura liderando o debate enerxético no seo do Grupo Socialista e da Eurocámara e seguirá a selo na vindeira”, afirmou.
Ademais, Casares defendeu que hai que compatibilizar o cumprimento dos obxectivos enerxético-climáticos co desenvolvemento económico e industrial local e o respecto ao territorio. A este respecto, lembrou o traballo realizado para que Galicia fose recoñecida como rexión obxectivo dentro do Fondo de Transición Xusta, así como as propostas que, como relator socialista na Directiva de Renovables, logrou incluír na mesma, como un novo artigo que aposta polo modelo de participación cidadá nos beneficios das renovables “inspirado como solución para a conflitividade que vemos en Galicia no seu despregue produto da nefasta planificación do PP”, ao tempo que inseriu garantías para que os novos despregues renovables garantan a compatibilidade coas actividades preexistentes.
Igualmente, o eurodeputado galego incidiu na necesidade de que as políticas enerxéticas teñan “alma social” e garantan a protección dos máis vulnerables. Como mostra, destacou as políticas postas en marcha polo Goberno socialista para facer fronte á crise enerxética desencadeada polo ataque ruso a Ucraína —coa excepción ibérica á fronte— e a reforma do deseño do mercado eléctrico, da que foi ponente parlamentario. “Grazas a esta reforma, os máis vulnerables aos prezos da enerxía, que na pasada crise foron case 400.000 galegos, estarán protexidos fronte ás desconexións eléctricas e terán prezos máis asequibles”, salientou.
Club Español da Enerxía
O Club Español da Enerxía é un foro de referencia a nivel estatal en materia enerxética centrado no estudo e debate en relación á produción, transformación, almacenamento, distribución e uso da enerxía. Nel participan actores públicos e privados, así como asociacións sectoriais e empresas, entre os que se atopan os principais axentes da industria e da enerxía de España con importantes investimentos en Galicia.
Saúdos, comunicación PSdeG-PSOE