O europarlamentario galego alerta de que “hai evidencia clara de que hai elementos do proxecto de Altri que están xerando preocupación a nivel europeo”
O eurodeputado do PSdeG Nicolás González Casares advertiulle hoxe á Xunta de que “tome en serio” a preocupación amosada pola Comisión Europea con relación ao impacto do proxecto de Altri no encoro de Portodemouros. O responsable socialista alertou de que a chamada de atención coñecida hoxe amosa “evidencia clara” de que hai elementos que están a xerar inquedanza nas autoridades comunitarias.
González Casares alerta de que “non é habitual” que a Comisión Europea se posicione cos matices que está a amosar cara un proxecto que “nin chegou ás súas portas”, e evidencia que “hai que estar vixilantes”, e advertiu que “necesitamos información”. Así o dixo logo de que o comisario europeo de Medio Ambiente amosara, en resposta a unha pregunta parlamentaria, a súa preocupación no relativo ao ciclo da auga.
O europarlamentario galego apunta que a Comisión Europea está a alertar das dificultades polo mal estado das augas do Encoro, e lembra a necesidade de que cumpra o principio fixado polo Regulamento Europeo de Taxonomía, que impide que os proxectos provoquen un dano significativo no medio ambiente.
González Casares considera “serio e responsable” pedir informes ás administracións responsables e “falar cos datos na man, como sempre fixemos no PSdeG”. Advirte que “non vamos colorear as mentiras de Alfonso Rueda nin os cambios de posicionamento continuos do PP”, e anuncia unha posición “vixilante e esixente” por parte dos socialistas galegos atendendo ao principio de transparencia eo dereito á información da cidadanía.