O eurodeputado galego e secretario de Relacións Institucionais do PSdeG afirma que a carta da presidenta da Comisión Europea a Pedro Sánchez felicitándoo pola xestión dos fondos é “unha emenda á totalidade das críticas do PP” sobre este asunto
O eurodeputado socialista e secretario de Relacións Institucionais coa Unión Europea, Nicolás González Casares, reclamoulle hoxe ao presidente da Xunta que “deixe de facer seguidismo da política de confrontación de Casado” e se adique a xestionar os fondos europeos que está a recibir “da maneira máis eficiente e transparente” para avanzar na recuperación social e económica de Galicia.
Así llo demandou hoxe tras coñecerse a carta de felicitación que a presidenta da Comisión Europea, Ursula Von der Leyen, vén de remitirlle ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, para felicitalo pola xestión que está a facer dos fondos europeos.
Esa misiva, que “expresa de maneira clara e contundente a posición favorable de Europa con respecto a tramitación e destino deses cartos”, supón tamén, en palabras de González Casares, “una emenda á totalidade das críticas realizadas nos últimos días polo Partido Popular”.
Por contra, resaltou que as verbas da presidenta da Comisión Europa constitúen “un espaldarazo inequívoco ás políticas desenvolvidas e á capacidade de xestión do goberno socialista de Pedro Sánchez”. En definitiva, “un recoñecemento explícito e un motivo de orgullo por un xeito de facer as cousas con transparencia e solvencia e, o que é aínda máis importante, sempre centrados nas necesidades das persoas co obxectivo de que ninguén quede atrás”.
O eurodeputado galego considera, ademais, que esta situación é “motivo máis que suficiente para que non só Pablo Casado, senón tamén Feijoo, se avergoncen de intentar sementar dúbidas cara o goberno central polo mero afán de facer oposición de maneira torpe e sen o máis mínimo rigor”.
Neste contexto, Nicolás González Casares recomendoulle a Feijoo que deixe de acompañar a “sistemática hostilidade” do seu xefe de filas co goberno central e que demostre “un mínimo de seriedade á hora de facer política, como lle corresponde ao presidente dunha comunidade autónoma como Galicia”.
“Feijoo”, incidiu González Casares, “debe decidir se se sitúa a carón da defensa dos intereses xerais dos galegos e das galegas ou se prefire facerlle os coros a Casado na súa partitura desafinada de bulos, mentiras e medias verdades”.
Nesta liña lembroulle que “o que está en xogo é unha saída digna da crise para a cidadanía galega”.