O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, denunciou hoxe a resposta do goberno galego diante da anulación por sentenza xudicial firme do concurso para a designación do xefe de Psiquiatría do Hospital de Pontevedra en 2012. No debate dunha pregunta oral en Comisión, acusou á Xunta de actuar como “cómplice de nepotismo” ao negarse a tomar decisións ata que a xuíza emitira un auto de execución neste mesmo ano.
Logo de seis anos dende que comezou o proceso, en 2012, o goberno galego “evitou a toda posta ser parte da solución”, demostrando que prefire impoñer “unha sanidade de amiguetes, impoñendo un proceso escuro aínda que teña que saltarse a Lei para elo”. Logo da sentenza xudicial, xa firme, lembrou que o conselleiro dixera que fora un “proceso transparente” co que, dixo, “o seu concepto de transparencia resulta tan preocupante como o caso en si”.
O responsable socialista puxo esta sentenza como mostra do “xogo irresponsable de maltratar ao sistema, retorcer os procedementos en favor dos propios e prexudicar aos pacientes por decisións con criterios partidistas”.
Torrado aludiu así á anulación do concurso para a provisión do posto de xefe de servizo de Psiquiatría do CHOP, en setembro de 2012, que foi “viciado e tendencioso por parte do xerente” do centro, tal e como sinala a sentenza. Esta recolle que “non pode obviarse a existencia dunha discreción técnica”, advirte “indicios respecto á falta de imparcialidade do tribunal” e apunta que o procedemento “non se axusta a dereito”.
Seis anos despois, e logo da resistencia demostrada pola Xunta para reverter a situación ou tomar decisións políticas argumentando que a sentenza non era firme, agora xa é firme, pero logo de que o profesional afectado se xubilara e mudara o servizo.
Triste actuación
O portavoz socialista lamentou que esta actuación do goberno galego sexa “coherente coa súa triste actuación sobre a Comisión de Investigación en Sanidade, na que traballa, a través do Grupo Popular, para impulsar unha Comisión na que só se pode participar se un opina o mesmo que o xefe”.
Denunciou que neste órgano “o PP vaille preguntar ao PP que tal o está facendo o PP cando decide que xente do PP se salte a Lei para colocar a xente do PP”, demostrando, lamentou en ton irónico, que “son vostedes namorados da transparencia, a pluralidade e a limpeza dos procedementos”.