A deputada socialista Noela Blanco acusou hoxe ao goberno galego de poñer en risco aos pacientes infartados de Ourense e de Lugo polo seu “empecinamento en negarlles o servizo de hemodinámica 24 horas”. A responsable socialista levou hoxe á Comisión de Sanidade do Parlamento unha pregunta oral na que advertiu do incumprimento dunha iniciativa parlamentaria de 2011 pedindo este servizo.
Blanco acusou ao goberno galego de “escamotearlle aos ourensáns e aos lugueses un servizo que non é un vicio nin un capricho, senón unha necesidade vital” que ten provocado que as dúas provincias se converteran nas que rexistran maior índice de mortalidade do Estado. A incidencia da mortalidade por infarto nas provincias do interior triplica a de Coruña e Pontevedra e supera en 20 puntos á media estatal.
Blanco sinalou o caso de Ourense, onde os pacientes que sufran un infarto fora das horas nas que o servizo permanece aberto vense obrigados a desprazarse ao Hospital de Vigo, o que supón un desprazamento de unha hora dende Ourense e de dúas e media dende Valdeorras. Advertiu que o propio informe da Xunta que analiza a atención entre xuño de 2015 e de 2017, alerta de “diferenzas estatísticamente significativas” nos tempos.
Os doentes destas dúas provincias teñen que agardar 50 minutos máis en ser atendido, cando de acordo co xefe do Servizo de Cardioloxía do Hospital de Santiago, “a anxioplastia debe facerse en menos de 2 horas dende que o paciente contacta co sistema”. Puntualizou que os 153 minutos que tardan os ourensáns en ser atendidos “é máis de dúashoras e media”.
Por este motivo preguntoulle hoxe á Xunta “cantas persoas teñen que morrer no camiño entre Ourense e Vigo para que a Xunta implante o servizo de Hemodinámica 24 horas en Ourense”.