A deputada socialista Patricia Otero acusou hoxe ao PP e ao goberno galego de “marxinar” á Mariña lucense e “negarlle servizos” ao rexeitar o reforzamento da formación náutico – pesqueira. Así o dixo no debate dunha proposición no de Lei que presentou hoxe no Pleno do Parlamento e que será votada mañá mércores, pero á que o PP xa adiantou hoxe o seu rexeitamento.
A deputada socialista advertiu que durante o ano 2018 tan só foron impartidos 5 cursos, que resultan “absolutamente insuficiente”. Así foi admitido pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, que nunha recente intervención en Comisión parlamentaria admitiu que “moita xente tiña que optar por cursos de pago ou trasladarse a outras comunidades autónomas” para completar a súa formación.
Otero explicou que a día de hoxe non hai na comarca ningún centro que imparta FP Marítimo – Pesqueira, cando todos están concentrados en A Coruña e Pontevedra, actualmente non se imparte ningún Certificado de Profesionalidade do sector na Comarca da Mariña, e os cursos que impartía a Delegación de Pesca teñen desaparecido.
Ademais, os alumnos de teleformación da Consellería do Mar teñen que desprazarse a Coruña e Pontevedra a examinarse, e a oferta formativa mesmo obriga a revalidar os cursos fora de Galicia, obrigando aos mariñeiros a investir un tempo e un diñeiro dos que moitas veces non dispoñen.
Otero apuntou que o sector pesqueiro é un dos principais motores económicos da Mariña, que alberga dous os principais portos de Galicia, os de Burela e Celeiro, e moveu 127 millóns de euros en lonxa no ano 2017, o que supón o 26 por cento do total de Galicia, o que fai da Mariña “unha das grandes lonxas de Europa”.