O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, lamentou hoxe o veto do PP a unha proposición non de Lei do PSdeG para incluír medidas para a prevención das condutas aditivas na futura Lei do Xogo de Galicia. O responsable socialista presentou esta proposta na Comisión de Sanidade celebrada hoxe, onde lle preguntou ao PP polas posibles influencias dos lobbies do xogo sobre o goberno galego.
Esta é a única explicación posible, dixo, da resistencia do PP a incorporar campañas de prevención e accións de sensibilización ante as condutas aditivas relacionadas co xogo, ou a pedirlle á Xunta un informe sobre a situación actual do xogo en Galicia dende o punto de vista da prevención e asistencia aos afectados e implementación de medidas do goberno.
Lembrou que aínda que o PP afirme que “está traballando” na Lei do Xogo, mantén “en redacción” a estratexia galega fronte ás adiccións, e “leva anos loitando” fronte ao xogo patolóxico en menores, segue sen presentar “ningunha realidade palpable”. Apuntou neste sentido que están “atrapados entre o que saben que teñen que facer ou o que de verdade lles pide o corpo”.
Advertiu que “fronte ás toneladas de palabrería do goberno galego, que aínda se rexe pola Lei do Xogo de 1985, chegou Pedro Sánchez e en 100 días aprobou unha estratexia contra o xogo patolóxico dentro do Plan Nacional Sobre Drogas”.
Alertou das enormes presións e intereses que rodean á nova Lei do Xogo ás que o goberno galego ofrece unha resposta “demasiado liviana, apenas con brindes ao sol que non se concretan en nada”. Censurou a falla de resposta aos problemas de saúde pública derivados das condutas aditivas, “froito do retraso na lexislación ou da súa non aplicación”.