A deputada Patricia Iglesias sinala que entre os casos máis escandalosos das contratacións a dedo durante a COVID, Iglesias sinalou a adxudicación de 15 millóns de euros a UNIVERSAL SUPPORT SA, unha empresa dirixida polo cuñado do Sr. Feijóo. “Non só carecía de experiencia sanitaria previa, senón que tampouco tiña solvencia técnica para facer o seguimento de casos COVID”
Lamenta que o PPdeG convertera a Comisión de Investigación nun “paripé”, baleirándoa de contido e evitando que se investiguen adxudicacións tan graves como as realizadas a empresas vinculadas a familiares de altos cargos
“Estamos sendo testemuñas dun auténtico esperpento: citacións deficientes, documentación esencial que non se entrega e un plan de traballo imposto polo PPdeG co único obxectivo de que este proceso remate axiña e quede en nada”. Con estas palabras, Patricia Iglesias, representante do PSdeG, iniciou a súa intervención na Comisión de Investigación sobre as contratacións de emerxencia sanitaria.
A socialista denunciou que “mentres milleiros de persoas sufrían e perdían a vida durante a pandemia, había quen estaba a reunirse en despachos para ver como sacar tallada á desgraza”. Segundo Iglesias, o PPdeG converteu a comisión nun “paripé”, baleirándoa de contido e evitando que se investiguen adxudicacións tan graves como as realizadas a empresas vinculadas a familiares de altos cargos.
Deste xeito, durante a súa intervención, Iglesias recuperou unhas palabras do exlíder do PP, Pablo Casado, para reflexionar sobre a “falta de exemplaridade” que marcou moitas das contratacións realizadas durante a emerxencia sanitaria. Citou textualmente:
“Non é exemplar que o irmán reciba tal cantidade de diñeiro por un contrato público outorgado baixo o amparo dunha situación de emerxencia. Máis alá de se é ilegal ou non, é incomprensible que no 1 de abril de 2020, cando morrían moitas persoas, se poida contratar con familiares e recibir 300.000 euros por vender máscaras”.
Iglesias vinculou esta crítica co sucedido en Galicia, destacando que contratos por un importe moito maior foron outorgados a empresas dirixidas por familiares de altos cargos do PPdeG. “Se estas palabras de Casado valeron para Madrid, deberían valer tamén para Galicia, porque aquí a gravidade é igual ou maior”, advertiu.
Contratos de emerxencia baixo sospeita
Entre os casos máis escandalosos, Iglesias sinalou a adxudicación de 15 millóns de euros a UNIVERSAL SUPPORT SA, unha empresa dirixida polo cuñado do Sr. Feijóo. “Non só carecía de experiencia sanitaria previa, senón que o informe do Consello de Contas subliña que tampouco tiña solvencia técnica para facer o seguimento e rastrexo de casos COVID. Trátase dun ‘call center’ sen formación en saúde pública, e o resultado foi un servizo absolutamente deficiente que obrigou incluso ao exército a intervir para paliar a falta de efectivos”, afirmou.
A parlamentaria denunciou que este contrato non foi unha decisión illada, senón que forma parte dun patrón de favoritismo. Iglesias lembrou que “no Consello da Xunta do 11 de marzo de 2021, Feijóo anunciou a renovación dun acordo marco con esta mesma empresa, UNIVERSAL SUPPORT SA, un ano despois de declararse a pandemia e cando xa non había xustificación de emerxencia para continuar con este tipo de adxudicacións”.
A socialista tamén destacou a concentración de contratos en poucas empresas durante o período de emerxencia. “No ano 2020, case a metade dos máis de 80 millóns de euros contratados foron a parar a só 11 empresas, e en 2021, dúas de cada tres euros contratados concentráronse en 4 empresas. Este non é un feito illado, é un patrón”, insistiu.
Feijóo e a opacidade sistemática
Iglesias puxo o foco na responsabilidade de Alberto Núñez Feijóo, quen dirixía o goberno galego durante o período analizado. “Foi o propio Feijóo, xunto co Sr. Rueda como vicepresidente, quen estableceu as directrices políticas que permitiron estas contratacións de emerxencia realizadas con total opacidade”, explicou. A socialista denunciou que “Feijóo, o gran ausente desta comisión, escapa unha vez máis das súas responsabilidades, amosando o seu talento como experto en escapismo político”.
Iglesias tamén criticou que o PPdeG se negue sistematicamente a facilitar documentación clave para esclarecer os feitos. “Rexistramos seis solicitudes sobre os expedientes de contratación con empresas vinculadas a familiares e achegados, e seguimos esperando. Este comportamento non é casualidade, é un intento deliberado de ocultar a verdade”, afirmou.
A deputada do Grupo Parlamentario Socialista rematou a súa intervención cunha chamada á responsabilidade política e á ética pública. “Non podemos normalizar que empresas vinculadas a familiares de altos cargos reciban tratos de favor en plena pandemia. Mentres milleiros de persoas sufrían e o persoal sanitario daba o mellor de si, Feijóo e o seu goberno estaban a aprobar contratos cuestionables, como os 15 millóns destinados ao cuñado do Sr. Feijóo”, afirmou.
“A confianza na democracia constrúese coa transparencia e coa rendición de contas, non coa opacidade e co favoritismo. É hora de que o PPdeG deixe de mirar cara outro lado e enfronte as súas responsabilidades. O noso reto é fortalecer as institucións, garantir a transparencia e pular por unha política honesta, ao servizo do interese xeral”, concluíu Iglesias.