O portavoz de Medio Rural do Grupo Socialista, Martín Seco, presentou unha pregunta no Parlamento logo das “gravísimas e inaceptables” acusacións do conselleiro de Medio Rural apuntando a “supostos cobros de traballadores da Consellería á cidadanía por axudar a tramitar as solicitudes de curta de madeira”.
O responsable socialista levou á Cámara a acusación do conselleiro, que onte “insinuaba en Twitter que existían funcionarios que cobraban” polo dito trámite, o que xerou unha importante polémica na rede social, con protestas de colectivos como UXT, Aprafoga e numerosos axentes facultativos medioambientais de xeito individual. Sen embargo o Conselleiro “non deu probas da súa acusación e mesmo continuou confrontando cos axentes que lle pedían rectificación”.
Seco sinala que estas acusacións “contra os traballadores e traballadoras da Consellería e á súa honorabilidade” deben ser acompañadas “ou ben de probas ou ben o conselleiro debe retractarse e pedir desculpas públicas”.
Explicou que as acusacións do conselleiro derivan da posta en marcha da ferramenta web “corweb” para a tramitación de solicitudes para cortar madeira. Os Axentes Facultativos Medioambientais deixan de ter agora a posibilidade de auxiliar presencialmente e de forma voluntaria cos trámites, xa que a ferramenta require dun certificado dixital ou da chave 365 e facelo persoalmente a través dun equipo informático ou dun teléfono intelixente.