O portavoz de Industria do Grupo Socialista, Martín Seco, reclamoulle hoxe á Xunta que lidere un “gran pacto galego pola industria” co obxectivo de “reactivar a economía e modernizar o modelo produtivo de cara á transición ecolóxica e á transformación dixital”. O responsable socialista presentou unha pregunta oral na Comisión de Industria do Parlamento para reclamar unha estratexia galega de modernización industrial e competitividade”.
O parlamentario socialista reclamou un pacto “acordado entre todos os grupos parlamentarios, organizacións sindicais e empresariais co fin de darlle certeza ao sector e favorecer a atracción de novos investimentos”. Reclamoulle ao goberno galego que abandone o desleixo e busque “o maior consenso social posible” para un acordo pola reconstrución económica e social de cara ao proceso de reconstrución que debe seguir ao parón da actividade pola crise da covid.
Apostou por unha “política industrial realista e con visión de futuro”, para o que é imprescindible “desenvolver unha estratexia galega de modernización industrial e competitividade”, que sitúe a Galicia na senda da reindustrialización que adapte o tecido produtivo á aparición de “novas actividades e novas formas de produción”. Sinala que “é imprescindible mellorar a eficiencia das políticas de I+D+i, de apoio ao emprendemento e estímulo da modernización”.
Emprazou ao goberno galego a escoller entre tomar a “man tendida” do PSdeG “ou seguir cunha estratexia errada que conduce ao sector industrial galego cara á desaparición, excepto un par de multinacionais que non dependen para nada da nosa administración”. A vía da “campaña publicitaria permanente e carente de contido” dos últimos 12 anos situou a Galicia nun “balance claramente negativo”.
Sinalou neste sentido á caída do Índice de Produción Industrial de Galicia, que caeu un 2,5 por cento en Galicia na pasada Lexislatura, fronte ao 0,4 por cento do Estado, e no ano 2019, sinalou, en Galicia diminuíu un 5,6 por cento mentres no Estado xa aumentaba un 0,4 por cento. Ademais, dende a chegada de Feijóo á Xunta, o emprego industrial caeu 7,2 puntos máis do que caeu en todo o Estado, un 11,1 por cento fronte ao 3,9 por cento da media, perdendo 23.000 traballos.
A industria de Galicia, continuou, “esmorece co seu goberno”, e citou a situación de empresas como R, Vulcano, Alcoa, Isowat, Alfageme, Barreras, Poligal, Perfialsa, Caramelo, Conservas Cuca, Pescanova, Emesa Trefilería, ou Siemens Gamesa, entre outras. Mentres, o goberno galego “pasa de sacarse fotos para anunciar a chegada de Pemex aos estaleiros de Vigo, pero desaparecen do mapa cando se confirmou o fiasco da operación, deixando aos estaleiros de Vigo sen futuro”.
Preguntou “onde está o goberno galego, desaparecido ante o desenvolvemento eólico e paralizado ante a incapacidade manifesta de planificar o territorio”, que actúa como “mero espectador” ante a situación da factoría de San Cibrao, demóstranse incapaces de garantir un emprego mínimo nas plantas de Xeal en Cee e Dumbría, así como tampouco dan programado unha transición ao consumo de carbón en As Pontes.
A única proposta coñecida do goberno galego, dixo, foi “decepcionar a propios e estraños” nas conclusións da Comisión de Reactivación, na que se limitaron a “facer política partidista sen ofrecer ningunha idea novidosa ou actuación interesante en materia industrial”.