O Grupo Socialista reclámalle á Xunta que deixe de seguir abandonando á cidadanía de Ferrol e asuma as súas competencias en materia industrial
O deputado socialista Martín Seco reclamoulle hoxe á Xunta de Galicia a reprobación do exministro de Defensa Pedro Morenés e das sucesivas cúpulas de Navantia durante o goberno de Mariano Rajoy “por deixar á empresa sen carga de traballo e nunha situación de quebra técnica”. A petición recollíase nunha emenda a unha iniciativa do PP, que foi rexeitada cos votos en contra dos populares.
Tal e como explicou Martín Seco, a reprobación a Morenés está xustificada “por paralizar o proceso de contratación das fragatas F110 a Navantia por intereses particulares do ministro e, polo tanto, por retrasar o comezo da súa construción ata a chegada do actual goberno do Estado, deixando sen carga de traballo ao estaleiro ferrolán durante anos”.
Nesta liña, reclamoulle ao PP que lles explique aos ferroláns e aos traballadores “por que tiña o goberno do PP tanto interese en poñerlle uns mísiles da empresa MBDA ás fragatas contra o criterio da propia Armada ou cal era a relación desta empresa co ministro Morenés”. Fronte a esta situación, lembrou que foi finalmente o goberno socialista o que asinou “uns contratos que van a supoñer unha investimento de máis de 4.000 millóns de euros para Ferrol, garantindo 10 anos de carga de traballo e a creación de 7.000 empregos”.
De maneira complementaria, o deputado do PSdeG tamén solicitou a reprobación das sucesivas direccións de Navantia debido a que “durante os gobernos de Mariano Rajoy deixaron á empresa en situación de quebra técnica”. Así, recordou que a compañía estivo inmersa en causa de disolución segundo a lei de sociedades de capital”, ata o punto de que foi “sostida unicamente polos préstamos participativos da SEPI por valor duns 1.500 millóns de euros que asinou o goberno actual do Estado”.
Fronte “a situación insostible producida pola incapacidade, a incompetencia e a falla de aposta de por Navantia do goberno popular”, Martín Seco recordoulle ao PP que non foi ata a chegada do Partido Socialista ao goberno central cando se recuperou a carteira de defensa co programa das F-110 en Ferrol e o S-80 en Cartagena, “pasando de ter 1.680 millóns de euros en 2017 a 7.747 millóns de euros a finais de 2020”.
Tamén incidiu en que “co actual goberno á fronte asinouse o Plan Estratéxico 2018-2022, que permitiu manter a viabilidade da empresa e a actividade en todos os centros.
Así, “dende a chegada do actual goberno do Estado pasamos da quebra técnica de Navantia e da falla de carteira de traballo a que Ferrol sexa o estaleiro que ten no futuro un maior volume de carteira de traballo coa execución do maior programa de fragatas dos últimos anos”. En calquera caso, lamentou “este período que estamos a vivir, sobre todo para os traballadores das auxiliares, derivado do esquecemento ao que que someteu o goberno de Rajoy e o seu ministro Morenés ao proxecto das novas fragatas F-110”.
Martín Seco tamén salientou que agora “os prazos do programa das fragatas F-110 están a cumprirse sen retraso e que o inicio da súa construción está previsto para o primeiro trimestre de 2022”. Amosou a súa satisfacción porque “ese desenvolvemento tecnolóxico é único neste país nestes momentos e estase levando a cabo en Ferrol, o que supón un investimento en innovación que será exportable ao mundo civil e permitirá que a F-110 poida tamén ser exportada internacionalmente”.
A XUNTA DEBE FACER USO DAS SÚAS COMPETENCIAS INDUSTRIAIS
Neste escenario, o parlamentario socialista reclamoulle ao PP que sume e aporte algo positivo.
Así, reivindicou que a Xunta de Galicia faga uso das súas competencias en economía, industria e formación para elaborar un Plan de reactivación económica das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal ou para participar máis activamente no desenvolvemento do Estaleiro 4.0 de Ferrol, con proxectos para a captación de fondos europeos no estaleiro ferrolán.
Tamén lle esixiu ao goberno galego que leve a cabo un plan formativo para os traballadores da industria auxiliar do sector para garantir a súa competitividade ou que elabore un plan de captación de actividades industriais ligadas á industria eólico-mariña, que poida englobar outros sectores que sexan estratéxicos para a comarca.
Nesta liña, Martín Seco criticou que o Partido Popular siga a levar a mesma iniciativa ao Parlamento unha e outra vez nun exercicio de “propaganda sen sentido” para intentar “ocultar que a Xunta de Galicia non ten solucións ante os problemas industriais da cidadanía das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal”.
“A pesar de que o goberno galego ten todas as competencias en materia industrial segue abandonando á cidadanía de Ferrol á súa sorte”, afirmou. Por iso, pediulle aos populares que “deixen de tomarlle o pelo á cidadanía e fagan algo máis que observar como se desangra industrialmente este país