O portavoz de Industria do Grupo Socialista, Martín Seco, reclamoulle hoxe á Xunta que garanta a viabilidade e a carga laboral das fábricas de ferroaleacións e hidroeléctrica de Cee e Dumbría, antes de Ferroatlántica e agora Xeal. Seco presentou unha pregunta oral en Comisión na que lembrou o compromiso da Xunta de reclamarlle á empresa un plan de viabilidade garantías da actividade industrial e dos actuais postos de traballo.
O responsable socialista sinalou que “a nosa administración debe garantir o mantemento das dúas actividades e do emprego, esixindo ese plan de viabilidade que conteña garantías da actividade industrial e dos actuais postos de traballo”. Ademais, reclamoulle á Xunta que manteña un encontro cos alcaldes da comarca “que lle piden con preocupación ao Goberno galego que os informe da situación na que se atopa a factoría”.
Seco presentou esta iniciativa diante da difícil situación dos traballadores da factoría, afectados por un ERTE ata febreiro de 2021, e diante dunha empresa que “non xera confianza” por canto segue sen presentar un verdadeiro plan de viabilidade, que garanta a actividade dos fornos e o mantemento de todos os postos de traballo da fábrica de ferroaliacións”. Ademais, sinala que a empresa “segue a loitar pola segregación das actividades e non aclara a súa vinculación co grupo Ferroglobe”.
Advirte dos temores da plantilla de que “Xeal estea centrando o seu futuro na explotación dos recursos enerxéticos, agravando o deterioro paulatino das fábricas e amortizando man de obra”. Así o dixo logo de constatar a intención dos novos titulares de continuar co recurso de Ferroatlántica contra a resolución de Augas de Galicia que impedía segregar as actividades, e que vén de ser desestimado”.
Ademais, as plantas de Cee e Dumbría “atópanse a un baixo porcentaxe da súa capacidade de produción, cun baixo número de fornos en funcionamento, e nos derradeiros meses perdéronse máis de 80 postos de traballo entre persoal eventual e industria auxiliar”.
Transparencia
Reclamou “máis información do Goberno sobre a situación na que se atopa Xeal” e o dito plan de viabilidade comprometido polo mesmo presidente da Xunta en 2019, un compromiso que foi reiterado ata agora por tódolos niveis da Consellería. Lembra ademais que ata o momento “descoñecemos o acordo escrito entre os novos propietarios e o grupo vendedor” das plantas, máis alá da información dos xornais.
De acordo cos medios de comunicación, as fábricas galegas, xunto con 10 centrais do Grupo Ferroglobe, eran vendidas ao fondo TPG por 170 millóns de euros, mantendo a denominación social anterior e as concesións para a produción de enerxía eléctrica vencellada á produción de ferraleacións, e Ferroglobe convertíase no único receptor da produción de Cee e Dumbría.