. O parlamentario socialista Martín Seco esixiulle ao conselleiro de Presidencia que desbloquee a homologación do Camiño dos Faros “coa estrutura planificada actualmente”. Seco presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento de hoxe na que reclamou que “deixen de marear a perdiz e de mentirlle á cidadanía da Costa da Morte e explíquenlles por que teñen paralizado un informe de impacto ambiental dende fai máis de 2 anos”.
O responsable socialista acusou ao goberno galego de incumprir o acordo unánime do Parlamento, que hai cinco meses pedíalle á Xunta que constituíra unha mesa de traballo multilateral para traballar na dita homologación. Dita mesa debera contar coa participación dos 9 concellos polos que transcorre o Camiño, a Deputación da Coruña, a Asociación de Turismo da Costa da Morte, a Asociación Camiño dos Faros ou a Federación Galega de Montañismo, entre outros.
Afeoulle que nin sequera se teñan posto en contacto cos alcaldes, e sinalou que “as solucións teñen que pactalas nesa mesa de traballo”, polo que lle reclamou ao goberno galego que “deixen de bloquear o informe de impacto ambiental e faciliten o diálogo entre a Asociación e a Federación”. Animou ao goberno galego a “non errar” e “traballar para consolidar un proxecto de éxito para unha zona que necesita tanto da promoción turística para a súa economía”.
Futuro en risco
Alertou de que a Xunta “quere roubar unha iniciativa de éxito mundial elaborada polos trasnos para diluílo nunha ruta dos faros por toda Galicia”, como sinalou no Parlamento a propia secretaria xeral de Turismo. Alertou fronte un proxecto deseñado para “utilizar grandes consultoras para un mero uso economicista dos amigos do goberno galego, deixando na cuneta o importante” e “poñendo en risco o futuro desta ruta”.
Martín Seco apuntou que “necesitamos regulación para que se respecte o noso medio ambiente e a nosa diversidade”, e engadiu que “sen regulación non existe sinalización, nin protocolo de limpeza, nin seguridade dos sendeiristas, nin protección do noso medio natural e a nosa diversidade”. “Só cunha homologación –dixo- poderemos conseguir poñer en valor unha ruta que debe ser un referente internacional e axudar a promocionar unhas comarcas esquecidas polo PP”.