O parlamentario socialista Martín Seco vén de denunciar que Feijóo “esquece as necesidades da cidadanía de Arteixo nos Orzamentos para 2022”, ao non incorporar “investimentos que melloren as graves carencias en servizos públicos”. Seco presentou as emendas socialistas a estes orzamentos, incluíndo os proxectos do novo CEIP e do Centro de Día no norte do Concello.
Os socialistas galegos reclaman tamén o proxecto de rehabilitación integral do IES Manuel Murguía ou a construción da cuberta e o vestiario do IES de Pastoriza. En materia de infraestruturas, reclaman a mellora integral da seguridade viaria na AC-552 ao seu paso por Vilarrodís, a beirarrúa na AC-552 ao seu paso por Lañas, a rotonda e pasos peonís na AC-552 en Casas Novas – Larín, o enlace do polígono de Morás coa AC-552 na rotonda de Pescanova ou o proxecto do dique do Porto de Suevos.
Para o deputado socialista arteixán, Martín Seco, “non ten sentido que despois de 4 anos sigan a asignar 50.000 euros para un novo CEIP cando saben que non o van a executar”. Criticou que “a Xunta minte á cidadanía arteixá por cuarto ano consecutivo, incluíndo 50.000 euros nos orzamentos para loitar contra a saturación que teñen o CEIP Ponte dos Brozos e o IES Manuel Murguía, a este ritmo teremos que esperar a que as obras para un novo centro educativo comecen no 2024 no mellor dos casos”.
Lamenta e recorda que a xustificación desde San Caetano para esta “paupérrima partida” é que o Goberno local de Arteixo “non fixo os deberes” para ceder o terreo necesario a Xunta. É dicir, resume, que “Arteixo non terá novo colexio o próximo curso pola falla de xestión do goberno local de Carlos Calvelo, nun problema que data do ano 2016 e o seu servilismo a un goberno galego que pasou de ter un problema de saturación na educación infantil e primaria a telo tamén na secundaria”.
Tampouco introducen, dixo, inversións para solucionar os problemas nas infraestruturas deterioradas dos institutos do noso concello e dotar aos centros educativos dun número axeitado de mestres e técnicos que atendan as necesidades dun concello pluricultural como é Arteixo.
O deputado socialista contrapón a iniciativa do Goberno central que “bonifica a AP-9”, mentres que en Galicia “seguimos co lastre dun peaxe imposto no que era unha vía pública privatizada polo PP”, en referencia á AG-55, que “agora impide facer un enlace da zona norte co autovía ao porto gratuíta”, engade.
Nese senso, apunta que “resulta inaudito” que o alcalde de Arteixo “fale do enlace coa autovía ao porto exterior en Meicende, cando nin o Concello nin a Xunta teñen os terreos, nin un proxecto para facer a circunvalación deste núcleo, sen o cal é imposible eliminar os transportes pesados do núcleo urbano”.
Seco subliña que á falta de investimentos en obras “moi necesarias en Arteixo” os orzamentos autonómicos, “non son un bos presupostos para Arteixo” porque “nin se mellora a asistencia sanitaria, nin a educativa. Seguimos sen contar con inversións do goberno galego na mellora dos servizos que se ofertan aos nosos maiores, só atendidos no seu día pola xenerosidade da Fundación Amancio Ortega, pero toca ofertar un novo centro de día na parte norte do concello.
Tampouco se mellora en infraestruturas da comunicación nin en seguridade viaria en viais tan importantes como a AC-552 ao seu paso polos núcleos de Vilarrodís, Arteixo e Larín, ademais de esquecer a comunicación do polígono de Morás coa rotonda de Pescanova, esencial para a seguridade viaria de Montepequeno e eliminar as saturacións da rotonda de Sabón”.