Lamenta o “abandono absoluto e a falta de compromiso” do goberno galego á hora de cumprir coas demandas para acondicionar estas infraestruturas e incrementar a súa seguridade e actividade
O deputado socialista Martín Seco denunciou hoxe a absoluta falta de compromiso do goberno galego cos necesarios investimentos para mellorar a seguridade e as infraestruturas dos portos de Barizo e de Malpica ante as reiteradas demandas do sector pesqueiro e marisqueiro.
Fíxoo na Comisión de Pesca do Parlamento, onde acusou á Xunta de dilatar o proceso para atender estas demandas. “Anuncian plans, estudos e proxectos”, sinalou Martín Seco, “pero o certo é os seus que nunca acaban de concretarse e tan só sacan peito por pequenos investimentos, como se a súa obriga non fose levar a cabo as actuación de mantemento destas dársenas”.
Na súa intervención, o parlamentario do PSdeG incidiu de maneira específica na falta de compromiso co porto de Barizo, que “non lles interesa”. Nesta liña, recolleu as demandas dos propios mariscadores que desenvolven alí a súa actividade e que levan anos padecendo “os atrancos e os pretextos” da administración autonómica.
Neste caso, lembrou que hai anos que se prohibiu descargar alí por carecer dun mecanismo para garantir a trazabilidade dos produtos, o que lles obriga a descargar no porto de Malpica, cos riscos que iso conleva. Ao mesmo tempo, reiterou a solicitude para que se arranxe a rampla de acceso e que volva funcionar a grúa, mesmo investindo nunha nova.
En definitiva, os profesionais tan só piden “poder traballar dignamente e sen riscos”, pero por contra atópanse cunha Xunta que só sabe “botar balóns fóra”. Mostra dese “abandono absoluto”, o deputado socialista lembrou que das 52 casetas que existen na zona só hai 8 alugadas, porque “se os profesionais non poden descargar en Barizo non as queren” e, ao final, “o porto queda só como unha visita para os turistas no verán”.
Martín Seco tamén incidiu nas eivas detectadas no porto de Malpica, onde “non hai máis que ir alí a ver como entran os barcos polas comportas: produce auténtico arrepío”. Tras remarcar que as condicións de acceso á dársena “son de moito perigo” e que incluso chegou a haber unha morte en 2018, Martín Seco lamentou que “a pesar dos múltiples anuncios da Xunta sobre melloras seguimos a esperar polas actuacións prometidas”.
Nesta liña, ao igual que se fixo dende o Concello hai tempo, o parlamentario do PSdeG reivindicou a ampliación do dique de abrigo, que “podería ser unha solución para os problemas de seguridade do porto”. No eido da mellora da seguridade, tamén reivindicou “unha actuación esencial” como é o apuntalamento do tramo da dársena para o acceso de camións, de maneira que o tráfico pesado poida pasar sen risco de accidente. A maiores incidiu na necesidade de que se aposte por un porto que pode ter máis actividade da que ten na actualidade.
Fronte a estas demandas, Martín Seco denunciou que “levamos catro anos agardando por esas solucións”. Ao fío disto, o deputado socialista lamentou que meses despois de impulsar unha moción de censura contra o alcalde do PSdeG, Walter Pardo, o PP e a Xunta “esqueceron todo para converterse en amigos de conveniencia por uns intereses ocultos que non lle explican á cidadanía, pero que paralizaron o bo traballo en curso dun goberno socialista que pensaba na veciñanza”.
Así, ademais das esquecidas demandas en materia portuaria, Martín Seco alertou do esquecemento de peticións como a homologación do exitoso Camiño dos Faros, “que segue metido nun caixón”, as obras de acondicionamento na AC-418 e AC-422, a axuda para a separación das augas fluviais e fecais ou o mantemento da EDAR.