Alerta do “nulo control” das axudas que concede a AGADER ante casos como este e insta á Xunta á responder o requirimento presentado polo grupo municipal socialista da localidade
O deputado socialista Martín Seco denunciou hoxe o reiterado incumprimento por parte do Concello do Pino da Lei de subvencións de Galicia tras recibir cuantiosas axudas públicas da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural a través do GDR Ulla-Tambre-Mandeo, do que o alcalde desa localidade, o popular Manuel Taboada, é presidente.
Martín Seco preguntou por esta cuestión na Comisión de Agricultura do Parlamento, recollendo o requirimento presentados ante a Xunta polo grupo municipal socialista do Pino e que, a día de hoxe seguen sen ter resposta. Na súa intervención, Martín Seco alertou do “nulo control” que fan dende a AGADER das axudas que conceden ante casos como o do alcalde do desta localidade.
Polo miúdo, o deputado socialista explicou que no ano 19, o municipio recibiu axudas por 23.000 euros para a adquisición de varias máquinas cardio, que tiñan que estar a disposición da veciñanza dende o 25 de novembro dese ano, “pero non se puxeron en marcha no 19, nin no 20, nin no 21, nin tampouco nos catro meses que pasaron deste ano 2022”. “Para máis INRI”, a axuda foi reformulada porque en principio o obxecto era instalar as máquinas nas 13 parroquias do Concello, pero finalmente decidiron concentralas no pavillón deportivo do Lameiro.
Así, ante o incumprimento reiterado da Lei de subvencións de Galicia, Martín Seco explicou que o grupo municipal socialista remitiulle un requirimento á AGADER para que procederaq a iniciar todos os trámites para que o Concello de O Pino reintegrase a axuda recibida baixo o programa Leader 2014-2020, tras informar de todos os trámites ao solicitante. “A día de hoxe”, informou Martín Seco, “e seis meses despois de ser rexistrado ese escrito, o grupo municipal socialista de O Pino segue sen ter resposta do escrito presentado, cando a lei obriga a contestar no prazo dun mes”.
A maiores, reclamou que estes fondos “sexan realmente utilizados para os fins que perseguen as liñas de axudas”. “Non estamos en contra da subvención”, remarcou, “senón que pedimos se utilicen para o que estaban establecidos nas bases”.
Á marxe deste asunto, Martín Seco explicou que nos anos 2011 e 2012 o concello do Pino tamén recibiu máis de 108.000 euros para a posta en valor do patrimonio municipal a través dunha audioguía virtual. “Eses dispositivos”, subliñou Seco, “nunca estiveron a disposición da veciñanza e supoño que a día de hoxe eses aparellos seguirán gardados e pechados nun armario”.
Algo semellante sucedeu no ano 2015, cando o Concello de O Pino, recibiu 43.000 euros para a posta en marcha dunha aula TIC. O resultado é que “so se utilizou a aula para a formación dos obradoiros de emprego”, mentres que “cursos para a poboación en xeral moi poucos, por non dicir ningún”.
O derradeiro capítulo de “mala xestión do alcalde de O Pino” sucedeu o pasado mes de decembro, cando lle comunicaba ao GDR a renuncia a unha axuda que ascendía a máis de 161.000 euros destinada polo AGADER para a construción e posta en marcha dun centro de día. Foi ademais “unha renuncia que se producía da peor maneira posible, xa que impedía que outra entidade puidese beneficiarse destes fondos europeos do GDR”.
Seco relatou que o pretexto do alcalde foi “o escaso importe da axuda e que a administración local non dispoñía de fondos propios para financiar o 80 por cento restante”. “O curioso”, subliñou, “é que días máis tarde presentou un plan local para a construción de varias sendas peonís cun importe de 3 millóns de euros”.
“Así actúa o alcalde de O Pino co beneplácito da Xunta”, lamentou Martín Seco antes de lembrar que “igual que destinou 3 millóns a sendas peonís, podería ter utilizado a subvención do GDR para facer o centro de día”. Para máis, “nesta montaña rusa de incompetencias”, o alcalde vén de anunciar agora que se sumará ao plan marco da Fegamp e o Consorcio para construír o centro e residencia con cargo aos fondos de recuperación europeos.
A “POLITIZACIÓN” DA AGADER
No transcurso da Comisión, Martín Seco tamén denunciou que a axencia galega de desenvolvemento rural “cada día está máis politizada”.
Lembrou, neste senso, o “escandaloso” proceso para elixir ao novo subdirector da AGADER para as relacións cos GDR, “cunhas bases preparadas sen criterios sólidos para que fose elixido un destacado militante e dirixente do partido popular en Ourense e que fora deputado nesta cámara”.
Tamén recordou o nomeamento como asesor da AGADER doutro destacado militante do partido popular: o voceiro do PP en Fisterra e ex-alcalde desa localidade.
Por último puxo o foco no “presunto caso de corrupción” protagonizado por parte dun ex-subdirector deste organismo autonómico e tamén destacado militante e ex-representante do Partido Popular en Lalín. Neste caso, a propia Consellería denunciou posibles irregularidades na tramitación de dúas subvencións ao concello da Pobra de Brollón, “cunha acusación pública con posibles delitos de prevaricación administrativa e falsidade en documento oficial por parte deste militante do PP”.