O deputado socialista recolle a preocupación do alcalde do municipio, quen revela que no Concello non consta ningún documento nin expediente sobre a tramitación desta iniciativa malia que o conselleiro de Economía asegurou no Parlamento que había un informe municipal favorable
O deputado socialista Martín Seco vén de presentar unha batería de iniciativas no Parlamento de Galicia para esixirlle á Xunta que se reúna co goberno de Negreira para facilitarlle información sobre proxecto para a posta en marcha dun parque eólico que afecta ao municipio.
Martín Seco explica que o actual alcalde carece de información sobre a tramitación deste proxecto, que se iniciou no ano 2012 cando o goberno local estaba en mans do PP. A pasada semana, o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía asegurou no Pleno do Parlamento que esta iniciativa conta cos informes favorables, incluído o do Concello de Negreira. Pero, lonxe disto, o rexedor denuncia que “no rexistro municipal non consta nin un só documento sobre o parque eólico e que descoñece eses informes aos que se referiu Francisco Conde no último Pleno Parlamentario”.
Neste contexto, Martín Seco manifesta a “preocupación do Grupo Socialista estamos pola falla de comunicación e información que dá a Xunta de Galicia aos concellos afectados pola instalación de parques eólicos”. Así, incide en que “non sabemos se o grupo de goberno que gobernaba Negreira naqueles tempos informou sobre este parque e se desapareceu o expediente”. Por iso, reclámalle á Xunta de Galicia que se reúna co goberno local e que lle facilite unha copia do expediente con todos os informes de entidades afectadas.
Martín Seco salienta que o lugar onde está previsto instalar este parque “constitúe un recurso turístico de importante valor”. Por iso, considera imprescindible que, antes de tomar ningunha decisión sobre a implantación dun parque eólico, se facilite a necesaria información aos municipios afectados e se teña en conta a súa opinión.
“Moito máis grave”, indica, “sería que algún goberno anterior tivese feito desaparecer documentación relacionada con esta iniciativa, supostamente coa intención de facilitar a súa tramitación pola porta de atrás e sen nin sequera informar á veciñanza”.
O PROXECTO
Martín Seco explica que o proxecto, promovido pola empresa Norvento, ten por obxecto a execución dun parque eólico de 21 MW de potencia total e está composto por 7 aeroxeradores e toda a súa infraestrutura asociada. Esta infraestrutura distribuirase ao longo do Monte da Pena, onde o informe da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural recoñece que existen elementos do patrimonio arqueolóxico e, aínda que emite informe favorable ao recollido no Estudo de Impacto Ambiental (EsIA), propón unha serie de cautelas.
A este respecto, Martín Seco alerta de que “neste monte consérvanse tres mámoas ao seu pé, unha no cume -a menos de 50 metros do punto xeodésico- e dúas na parte baixa dos Penedos”. Tamén hai outras dúas nos Chans da Millareira e no Alto do Pedrouzo, a menos de 500 metros, e outras dúas na súa área de dominio, a da Medoña en Tardeado e a do Garllardo.
Ademais, moi preto existen xa catalogados, cando menos, oito castros entre os concellos de Outes e Negreira. Dende o punto de vista paisaxístico, a súa posición e elevación estratéxica permite ver as dúas marxes da ría de Muros e Noia, dende o Castro de Baroña a Monte Louro e, por entre os montes do Confurco (na parroquia de Tállara, en Lousame), a ría de Arousa e a impoñente serra da Barbanza.
Tamén pode ser avistado dende un radio de máis de 40 quilómetros ao seu arredor, dende todas as praias, cabos e pobos que miran mar adentro dende ambas as marxes da ría de Muros e Noia.