Denuncia que o goberno galego non está á altura da súa responsabilidade para que os gandeiros deixen de estar á cola de España e de Europa no que cobran polos seus produtos
O deputado socialista Martín Seco alertou hoxe de que a falta de medidas públicas eficaces e a inacción da Xunta de Galicia está provocando que o sector agrogandeiro galego “entre en coma”.
Así o manifestou esta mañá na Comisión de Agricultura do Parlamento, onde lle demandou ao goberno galego a posta en marcha de mecanismos como o observatorio de prezos para evitar que os nosos gandeiros sigan cobrando por debaixo da media estatal. “Debemos mirar para a nosa casa e reverter unha situación que fai que os gandeiros galegos sexan os que menos cobran de España polo leite”, reivindicou.
O parlamentario do PSdeG explicou que coa creación do observatorio de prezos garantiríase o cumprimento da Lei da cadea alimentaria e que os produtores cobren por riba dos custes de produción. Ao mesmo tempo, tamén cuestionou ao goberno galego polas medidas que ten previsto adoptar para acabar co diferencial de prezos en orixe do leite con respecto á media estatal e a outros territorios do Estado.
“Nestes momentos de crise”, sinalou, “todos debéramos estar á altura das circunstancias e poñer enriba da mesa as medidas necesarias para paliar os graves e insoportables efectos que ten nos nosos sectores produtivos, entre eles o lácteo”.
Martín Seco lamentou que, neste contexto, Feijoo estivese ausente no canto de ser un presidente da Xunta a tempo completo para “tender a man á oposición e reunirse con nós e os sectores afectados para pactar medidas conxuntas para paliar os efectos da crise”. Por contra, lamentou que Feijoo estivese de campaña interna do PP e o conselleiro de medio Rural “detrás dunha pancarta, aproveitándose dunha reivindicación xusta dos gandeiros galegos”. “E non o facía como representante do Partido Popular”, subliñou, “senón como representante do goberno galego”.
Así, “en vez de poñer solucións para o sector agrario dende as súas responsabilidades, preferiu ir a Madrid para criticar ao goberno de España, como se Galicia non tivese nada que aportar para saír dunha crise derivada dos prezos da enerxía e da invasión de Rusia a Ucraína”. Por iso, Martín Seco advertiu que “nin unha soa vez se visualiza ao goberno galego á altura da súa responsabilidade achegando solucións para que os nosos gandeiros deixen de estar á cola de España e de Europa no que cobran polos seus produtos”.
Nesta liña, o deputado socialista apuntou que esta crise estea a afectar e maior medida a Galicia pola “falla absoluta de políticas públicas da Xunta durante décadas”. Debido a isto, “cando un sector está gravemente enfermo e cunha crise estrutural, se chega un achuchón, todo o sector entra en coma”.
A maiores, lamentou que o propio conselleiro de Rural declare que hai risco de desaparición do sector gandeiro sen poñer enriba da mesa nin unha soa medida para axudalo. De feito, as únicas que anunciou a Xunta foron para subvencionar os intereses nos anticipos da PAC e a apertura de liñas de crédito. “Todo un goberno con competencias plenas en gandaría que acaba sendo como unha mera entidade financeira”, denunciou antes de engadir que “se iso é todo o que ten que aportar nesta crise a Consellería, é normal que se escondan detrás dunha pancarta criticando ao goberno do Estado”.
Neste escenario, Martín Seco explicou que en Galicia os gandeiros reciben 35,9 céntimos de media polo litro de leite, cando en España a media é de 37,1 céntimos -“estando a cola de todo o Estado”- ou que temos menos do 25 % da superficie agraria útil, a metade que en España e á cola de toda Europa. “Nada disto, dixo, “lles fai reflexionar e adoptar medidas para cambiar esta situación, e agora levamos as mans á cabeza por ter tanta dependencia da importación de insumos do estranxeiro”.
Con este pano de fondo, Martín Seco remarcou que a Lei da cadea alimentaria precisa que se poñan en marcha os mecanismos necesarios para facer que se cumpra o que establece en canto á repercusión dos prezos de produción ou a prohibición da venda a perdas. Nesta liña, puxo de relevo que outros gobernos, como o de Castela-A Mancha, activou, entre outras medidas, o Observatorio de prezos da cadea alimentaria. Mentres, en Galicia, a Xunta “segue mirando para outro lado” ante o feito de que non se cubran os custes de produción.
Lembrou, por último, que o goberno galego presentou o Plan estratéxico 2020-025 con 125 medidas, pero advertiu que “os plans sobre o papel sopórtano todo”. Por iso, incidiu en que ese plan estratéxico para o sector lácteo galego “só será de utilidade se as medidas que contempla van acompañadas de determinación no seu desenvolvemento e conteñen as ferramentas orzamentarias necesarias para levalas a cabo”.