Volve reclamar explicacións pola denuncia a un exsubdirector da Axencia e cualifica de “problema estrutural” que o PP “poña os seus intereses partidistas por enriba dos da cidadanía” ao nomear “comisarios políticos” para facer o traballo de empregados públicos en “chiringuitos”
O deputado socialista Martín Seco lamentou hoxe que o Partido Popular se sitúe “de costas á decencia e ao respecto aos cidadáns” tras votar en contra dunha proposta do PSdeG na que se instaba á Xunta a profesionalizar con procedementos de mérito, capacidade e igualdade a elección dos cargos de dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER).
Seco defendeu hoxe esta iniciativa na Comisión de Agricultura do Parlamento co obxectivo de evitar que se repitan “escandalosos casos” como o do exsubdirector de relacións cos GDR deste organismo, Javier Blanco Carballal, que foi denunciado ante a Fiscalía pola propia Xunta por presunta corrupción.
O deputado do PSdeG sinalou que esta situación se deriva dun “problema estrutural” do PP, que “pon os seus intereses partidistas por encima dos intereses da cidadanía” ao nomear “a comisarios políticos a facer o traballo que deberan facer empregados públicos nos entes da Consellería de Medio Rural”. Isto “acaba con problemas xudiciais por actuacións pouco éticas ou incluso ata presuntamente delituosas”, como sucede no caso da Agader ou mesmo no Centro Tecnolóxico da Carne. Por iso, solicitoulle ao goberno galego e aos seus conselleiros que “abandonen eses comportamentos”.
Porén, o PP rexeitou pedirlle á Xunta que “dignifique” os procedementos de selección e que se poñan en marcha procesos de selección cunhas bases claras para elixir para estes postos a traballadores públicos coa mellor cualificación técnica e baixo os principios de mérito, igualdade e capacidade, “que son esenciais para a selección do persoal que exerce nun posto da administración”.
O CASO BLANCO CARBALLAL
Na súa intervención, Martín Seco lembrou que foi a propia Xunta a que denunciou ante a Fiscalía posibles irregularidades na tramitación de dúas subvencións ao concello da Pobra de Brollón, aínda que tamén paralizou unha terceira polo mesmo motivo. As tres axudas suman case 290.000 euros de fondos públicos.
Neste contexto, a avogacía da Xunta acudiu ante a Fiscalía para denunciar unhas irregularidades que a acusación pública considera presuntos delitos de prevaricación administrativa e falsidade en documento oficial por parte de Javier Blanco Carballal, que foi subdirector de relacións cos GDR de AGADER e tamén foi director dun “inoperante” Banco de Terras.
Este caso vai ser investigado, polo que o Xulgado de Instrución número 2 de Santiago incoou dilixencias previas para determinar se existe motivo para abrir un proceso. A maiores, a propia Xunta “recoñeceu posibles irregularidades na tramitación desas axudas”, o que motivou a consecuente paralización dos procedementos de tramitación dos expedientes mentres non se produza o pronunciamento da xustiza.
A FORMA DE FACER POLÍTICA DA CONSELLERÍA DE RURAL ESTÁ “EN CUESTIÓN”
Neste contexto, o deputado do PSdeG puxo en cuestión hoxe a forma de facer política da Consellería de Medio Rural, onde “as irregularidades cantan”.
Así, lembrou que se lle preguntou ao propio conselleiro por este asunto no pleno do pasado mes de decembro, pero “o conselleiro non ten nada que dicir”. Non explicou se hai máis concellos ou entidades nesta situación, cantos investimentos ou que cantidade de cartos están involucrados neste tipo de convenios e tampouco se existe expediente administrativo sobre este suceso.
A maiores, lembrou que Blanco Carballal -que foi voceiro do PP en Lalín e estivo a piques de ser fichado como asesor polo alcalde dese municipio, José Crespo- traballa agora nunha consultora privada. “Tampouco se aclarou”, advertiu Martín Seco, “se esta consultora ten contratos asinados coa administración autonómica ou se asesora a entidades locais en procesos de axudas convocados pola Xunta de Galicia”.
Nesta liña, indicou que “sería moi interesante saber se está a facer proxectos que dependen economicamente da Xunta, tanto na Consellería de Medio Rural como na de Medioambiente, onde agora está á fronte a que fora conselleira de Medio Rural cando sucedeu este caso”. “Sería moi curioso”, insistiu, “que unha persoa denunciada polo propio goberno galego por feitos tan graves estivese agora traballando pola porta de atrás para quen o denuncia”.
En paralelo, Martín Seco recordou outro caso que xustifica a necesidade de profesionalizar a elección dos cargos da AGADER e que foi denunciado polo PSdeG hai poucas datas e despois de analizar as informacións do sindicato CSIF. Trátase do ”amaño” da mesma praza de subdirector de AGADER por parte do goberno galego para o que fora deputado autonómico e dirixente do PP no Barco de Valdeorras, Moisés Blanco.
Sobre estes temas, “o Partido Popular non ten nada que dicir”, pero “a sociedade necesita transparencia e necesita coñecer por que o PP se dedica a repartir entre militantes do seu partido o que deberan ser cargos para técnicos da administración formados e que fagan políticas para o desenrolo do rural e non políticas con base partidista para os amigos”.
“A cidadanía”, proclamou, “necesita certezas e saber se a AGADER traballa contra a grave situación de abandono que ten o noso rural e a dramática situación de avellentamento e despoboamento que sofre ou é un mero chiringuito de reparto de fondos con criterios partidistas para os seus amigos”, concluíu.