A deputada socialista denuncia “desigualdades territoriais” no acceso ao servizo e tempos de espera “inasumibles” de incluso un ano
A voceira de Política Social do PSdeG, Marina Ortega, instou hoxe ao goberno galego a adoptar as medidas necesarias para habilitar unha rede completa e de calidade de atención temperá en Galicia. “Ese”, subliñou, “é o mellor investimento que pode facer a sociedade, xa que multiplica as oportunidades dos menores susceptibles de seren usuarios deste servizo, e o que está aquí en xogo é a saúde dos nenos e nenas en Galicia”.
Con todo, Ortega denunciou que agora mesmo existen tempos de espera de atención temperá de incluso un ano, o que “pode supoñer un detrimento da súa propia saúde”. Nesta liña, alertou de que, “se non dotamos de medios a este recurso -que ten que ser de uso inmediato e accesible- poderíase estar vulnerando o interese superior que teñen os menores”.
Ademais, lamentou que o acceso ao servizo presenta “unha evidente desigualdade territorial” e evidenciou que non existen as mesmas oportunidades dependendo de onde nazan os posibles usuarios do servizo. Así, a parlamentaria do PSdeG incidiu en que este feito agrávase nas zonas rurais onde -como sucedeu hai unha semanas na mancomunidade Conso Frieira- os menores quedan sen servizo 7 meses ao ano, “o que invalida os propios beneficios da atención temperá”.
Marina Ortega advertiu que a saúde de parte da poboación galega depende en gran medida da atención temperá, “un recurso fundamental para poder previr e desenvolvemento un déficit no desenvolvemento da poboación infantil de 0 a 6 anos”. Nestes intres, hai preto de 2.000 menores de 6 anos en Galicia que xa contan cun grao de discapacidade recoñecida, “o que dá mostra da magnitude da necesidade e demanda social deste servizo”, pero os estudos indican que a poboación diana sitúase en torno a un 11 por cento dos nenos e nenas de entre 0 e 6 anos.
ESTRATEXIA DE PLANIFICACIÓN E ESTABILIDADE ORZAMENTARIA E FUNCIONAL
Por iso, e “de xeito urxente”, sinalou que é preciso estudar a actual situación da atención temperá e elaborar unha estratexia de planificación en función da poboación diana. De maneira complementaria, avogou por “proporcionar unha estabilidade orzamentaria e funcional a longo prazo para blindar o propio servizo”. Nesta liña, alertou de que “moitos concellos non son capaces de mantelo sen ter asegurado o seu retorno orzamentario”.
Polo miúdo, a parlamentaria socialista defendeu unha serie de medidas “fundamentais”. Entre elas, demandou que se revise o método de financiamento do servizo “para evitar a inestabilidade e a precariedade que interfire na propia calidade do servizo”. Tamén reivindicou un plan que garanta a universalidade do dereito á atención temperá ou que se eliminen os custes directos e indirectos á familia.
A maiores, solicitou que se reformule, coordine e impulse o resto de recursos existentes para darlle continuidade ao traballo cos menores a partir de 6 anos en diante e que se cree o dispositivo de centros en función da poboación diana “para fuxir da asimetría de recursos”. Ao mesmo tempo, reclamou que se aumenten os recursos en prevención na primeira infancia e que se estableza un diálogo mediante a escoita activa cos profesionais do sector.
Marina Ortega afirmou que “é verdade que a atención temperá ten experimentado un crecemento constante nos últimos anos, pero Galicia segue a ocupar un dos últimos lugares de España en cobertura e contía de investimento. A isto engadiu que Galicia é a comunidade autónoma que menos inviste por habitante potencialmente en situación de dependencia. Por iso, instou ao goberno galego a “incrementar esforzos, discriminando positivamente este tipo de casuísticas”.