A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Marina Ortega, reclamoulle hoxe á Consellería de Política Social que incremente o persoal dos centros residenciais encargado de atender ao aumento de persoas con demencia. Ortega presentou unha pregunta oral na Comisión de Sanidade celebrada hoxe para reclamarlle a esta Consellería que “garanta a normativa da Carteira de servizos, especialmente nos cadros de persoal establecidos”.
Sinalou que as residencias deben contar con máis persoal para atender especificamente ás persoas con demencia, e urxiu a reforzar as plantillas “tendo en conta de que un número de persoas maiores que viven en residencias e ademais padecen estas doenzas é elevado”. Explicou que “é preciso diferenciar os casos mediante a especialización dentro dos propios centros de atención residencial, e así mesmo incrementar o persoal, de acordo coa Carteira de servizos.
Engadiu que resulta “máis preciso que nunca” determinar se os centros de atención residencial cun número de residentes con demencia contan coa Unidade Especial de Alzheimer dentro das propias instalacións, tal e como obriga a normativa, e apuntou que “de non ser así a Consellería debera dar a orde de que se faga”.
Marina Ortega realizou esta petición en base ás irregularidades detectadas no informe do Consello de Contas realizado antes da chegada da covid e que se deron a coñecer publicamente. Este informe apuntaba ademais a falla de inspeccións por parte do goberno galego sobre os centros de atención residencial, polo que reclamou o reforzo dos equipos de inspección, para que poidan garantir unha atención acaída dos maiores de Galicia.
Estudo da Xunta
A parlamentaria socialista reclamoulle á Consellería de Política Social que elabore un estudo específico sobre o aumento dos casos de demencia detectado nas residencias a raíz da chegada da covid, como ten asegurado hoxe a secretaria xeral do departamento. Lembra ademais que o goberno galego ten que cumprir cos ratios fixados na Carteira de Servizos específicos, que determinan máis persoal para atender ás persoas con estas doenzas.