A voceira de Política Social do PSdeG presentou as iniciativas que vén de rexistrar sobre este tema no Parlamento coincidindo co Día Mundial da Prevención do Suicidio
A voceira de Política Social do PSdeG, Marina Ortega, vén de rexistrar unha batería de iniciativas no Parlamento galego para esixirlle á Xunta de Galicia a posta en marcha dun Plan Galego Intersectorial para a prevención do suicidio na comunidade.
Coincidindo co Día Mundial da Prevención do Suicidio, a deputada socialista reclamou tamén que esa iniciativa conte coa dotación orzamentaria suficiente para a súa posta en marcha e que se presente anualmente na Cámara galega un informe con datos de suicidios e tentativas en Galicia.
Marina Ortega indica que os datos son “preocupantes”, polo que cómpre que se “prenda unha alerta nas administracións” e que se elabore un plan de acción coordinado que permita intervir para unha detección precoz da conducta suicida. A parlamentaria do PSdeG advirte ademais de que, tras unha pandemia con consecuencias importantes sobre a saúde mental das persoas, “é máis necesario que nunca poñer o centro de atención sobre este asunto e abordar canto antes os novos retos que xorden”.
Marina Ortega -que esta tarde participará na concentración convocada en Santiago polo Movemento Galego da Saúde Mental- alerta de que “a predisposición do suicidio a nivel global é ascendente”, tal e como demostran os últimos datos. É a décima causa de morte en Europa ou a primeira causa de morte non natural en España. En Galicia, en 2019, faleceron 292 persoas por suicidio e ademais xa se sitúa como a causa de morte que máis afecta porcentualmente á xuventude galega xunto aos accidentes de tráfico. Por outra banda, a provincia de Lugo encabeza a taxa de suicidios no Estado.
Neste escenario, a deputada socialista recorda que profesionais do sector e movementos sociais de saúde mental advirten de que non existe un plan de prevención de suicidios. A maiores o plan de prevención publicado en 2017 non se implementou porque “naceu cun gran defecto, que foi a escaseza orzamentaria”. Ao mesmo tempo, “faise imprescindible que sexa de carácter multisectorial”, posto que “o suicidio non só é un problema sanitario, senón que se trata dun problema social que debe ser abordado desde distintas perspectivas”.
Marina Ortega indica tamén que “para poder optimizar o traballo nesta materia é preciso contar cos datos actualizados sobre a realidade do suicidio en Galicia”. Ao fío disto, denuncia que “lamentablemente” o goberno galego incumpriu hai dous anos o seu compromiso de elaborar un estudio sobre a materia en colaboración coa universidade.
Neste contexto, Marina Ortega defende que “Galicia ten que incrementar esforzos adicionais na prevención do suicidio”. Con este obxectivo, a deputada do PSdeG reivindica que “se marquen as liñas estratéxicas multidisciplinares en colaboración con colexios profesionais e entidades sociais da saúde mental” e que se complementen as políticas de acción contra o suicidio “cun plan integral potente e dotado con recursos suficientes”.
Así mesmo, conclúe, “é preciso ter un especial recoñecemento ao gran traballo que fan os profesionais de saúde mental, así coma corpos e forzas de seguridade, bombeiros, entre outros”.