A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Marina Ortega, reclamou hoxe un novo modelo de residencias que “blinde a dignidade de trato e os dereitos das persoas usuarias”. Así o dixo na comparecencia da conselleira de Política Social no Pleno do Parlamento para dar conta das conclusións do Comité Asesor Sociosanitario sobre o novo modelo de coidados de longa duración en Galicia.
Ortega alertou de que “está en xogo o modelo de atención para persoas maiores e dependentes os próximos anos” e reivindicou “empatía e responsabilidade” para deseñar un servizo que “é cuestión de toda a sociedade”. Censurou o “escurantismo” da Xunta, que constituíu fai máis dun ano o dito Comité para “calmar a alarma social” sobre a situación das residencias coa escusa de elaborar un novo modelo de coidados, pero que estivo “baixo segredo de sumario ata hoxe”.
A parlamentaria socialista reivindicou a “cuestión humana e o poder terapéutico da palabra, do diálogo coas persoas e do tempo das traballadoras para pararse cos residentes”. Cualificou de “inaceptable” que as traballadoras actualmente “non teñan tempo de pararse a falar cos residentes ou incluso os teñan que levantar ás 6 da mañá por falla de persoal”.
Alertou da situación límite deste servizo, ata o punto de que “as familias se teñen que manifestar diante do Complexo Residencial de Atención a Persoas Dependentes de Vigo logo de que desapareceran 200 reclamacións contra a xestión do centro”. Continuou sinalando as queixas pola alimentación aos residentes, esperas inasumibles para ter praza residencial que conceden a máis de 100 quilómetros do teu lugar de orixe.
Cualificou de “inaceptable que o goberno galego fale dun novo modelo de residencias e que á vez gale de construír novas macro residencias de máis dun cento de prazas”, cando o modelo futuro debe camiñar a limitar o número de prazas con residencias máis familiares cerca do lugar de residencia.
Marina Ortega reivindicou un modelo residencial “humano”, co reforzo do persoal de inspección, escoitando aos usuarios e reforzando o persoal de avaliación da Dependencia para axilizar os tempos de tramitación. Estas cuestións, dixo, están a ser tratadas precisamente neste sentido na mesa de diálogo civil liderada polo Ministerio de Dereitos Sociais para elaborar un novo modelo de atención.
Demanda social
A parlamentaria socialista sinalou que a chegada da pandemia puxo no punto de mira a situación das residencias de maiores, e en canto a sociedade tivo coñecemento da situación deste servizo comezou a cuestionarse o modelo de atención dos maiores, e “naceu unha demanda social sobre o novo modelo de atención”.
Sen embargo, dixo, as alertas sobre que “algo non ía ben nas residencias galegas” saltaron “moito antes da covid”. Lembrou que “fai máis dunha década que as traballadoras de residencias de Galicia alzaron a voz sobre os déficits de persoal e incumprimentos da normativa, urxindo medidas ao goberno galego.
A continuación, en 2017, o Consello de Contas abriu as portas das residencias para elaborar un informe poñendo “negro sobre branco a dura realidade” e sinalando o camiño para reverter a situación, que foi obviado pola Xunta. En 2020, continúa, as familias dos residentes asócianse para pelexar polos dereitos dos seus familiares, o mesmo ano no que a Fiscalía de Ourense recrimínalle ao goberno galego que levara 5 anos sen inspeccionar a residencia Nosa Señora da Esperanza.
Marina Ortega sinalou que finalmente, neste mesmo ano 2021, a Fiscalía Superior de Galicia aprobaba e presentaba un informe alertando da necesidade de investir máis recursos nas residencias de maiores.