A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Marina Ortega, vén de presentar unha serie de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Xunta que “inicie os trámites precisos para crear un Centro de Día de titularidade e xestión pública en Vilamarín”. A responsable socialista considera “fundamental” esta infraestrutura para unha localidade de nove parroquias e máis de dous mil habitantes.
Ortega visitou Vilamarín xunto coa portavoz socialista, María de los Ángeles Iglesias, onde presentou estas iniciativas para urxirlle á Xunta que inicie o proceso para dotar deste recurso a un concello con poboación envellecida e nun contexto rural, no que se fai máis evidente o desequilibro territorial en canto á oferta de servizos para a cidadanía que reside no ámbito rural.
A parlamentaria socialista alerta de que Galicia está a rexistrar unhas listas de agarda para a resolución de Grao e dos Programas Individuais de Atención que duplican ao máximo de 6 meses fixado pola Lei de Dependencia. Esta Comunidade Autónoma é ademais a que menos inviste por habitante potencialmente dependente de España, a pesares dos fondos estatais específicos entregados polo goberno de España dentro do Plan de Choque da Dependencia”.
Marina Ortega lembra que estes fondos están destinados especificamente a axilizar as listas de espera e mellorar os servizos de atención. Reclámalle así á Xunta que empregue tódolos recursos e mecanismos dispoñibles para “blindar o sistema de atención á Dependencia ou maiores” co obxectivo de “ofrecer atención de calidade aos galegos e galegas nunha das comunidades autónomas máis envellecidas de todo o país”.