A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Marina Ortega, presentará no próximo Pleno do Parlamento unha interpelación á conselleira para presentarlle as demandas do colectivo de traballadoras das residencias de maiores, que hoxe se manifestaron en Santiago, antes da folga convocada para o 17 de marzo. Así o explicou logo de acompañar ás traballadoras concentradas diante do Parlamento de Galicia.
A responsable socialista salientou a “urxencia” de que a Consellería de Política Social “apoie ao sector, escoite as súas demandas e medie para acadar os obxectivos dirixidos a mellorar a atención das persoas maiores residentes e das traballadoras e traballadores do sector. Ortega respaldou as demandas das traballadoras, que demandan unha actualización salarial e a mellora das condicións laborais.
Marina Ortega urxe á Xutna a “tomar decisións” por canto “están en xogo cuestións moi relevantes para a boa seguridade e coidados das persoas maiores”. Salienta que “Galicia é unhas das comunidades autónomas que maior número de prazas residenciais privadas e menor número de técnicos de inspección para supervisalas”.