A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Marina Ortega, lamentou hoxe que o PP “volve demostrar que non está á altura das circunstancias” no canto de garantirlle servizos públicos para axudar á conciliación e á fixación de poboación no rural galego. Así o dixo logo de que rexeitaran unha proposición non de Lei en Comisión na que lle pedía á Xunta que executara o proxecto da nova escola infantil de Ribadavia.
A responsable socialista lembrou que o goberno galego ten comprometido dende o ano pasado unha partida de 500.000 euros para habilitar a antiga escola da Alameda como nova escola infantil, que o propio PP pedía en decembro con acordo plenario do Concello pero que hoxe rexeita no Parlamento. Ortega criticou a “agresividade verbal” amosada pola portavoz do PP fronte a unha iniciativa “presentada en positivo, sen ánimo de confrontar e si de traballar para darlle un novo servizo á veciñanza”.
Cualificou de “lamentable” que o PP sinale para o goberno municipal cando “a competencia lle corresponde á Comunidade Autónoma a través do Consorcio Galego de Benestar”, como confirmou ao comprometer unha partida de 500.000 euros para esta actuación que foran anunciados polo anterior alcalde da localidade antes do cambio de goberno.
A parlamentaria ourensá sinalou a necesidade de “executar o proxecto con carácter de urxencia” pola súa importancia para a conciliación da vida laboral e familiar e para contribuír a fixar poboación dunha localidade castigada pola emigración que necesita da discriminación positiva dende o goberno galego para frear o envellecemento progresivo.