A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Marina Ortega, denunciou hoxe a “falla de dilixencia e compromiso” amosado pola Xunta coa construción do Centro de Atención ás Persoas con Discapacidade Público en Ourense. Ortega presentou unha pregunta oral diante da paralización desta infraestrutura, comprometida dende setembro de 2016 e que tiña que estar rematada no mes de marzo pasado.
A responsable socialista reclamoulle á Xunta sen éxito “os tempos concretos, o mapa cronolóxico para no incorrer nunca máis en promesa incumpridas nesta causa” logo de que “o dano estea feito” despois de que o 20 de febreiro se fixera público que a Xunta negociaba o sobrecuste coas empresas construtoras, demorando a execución das obras. Lembrou que un informe técnico da Xunta alertaba de que unha suspensión prolongada podería devir no deterioro da obra executada.
Marina Ortega levou ao Parlamento as demandas das familias de persoas con discapacidade e dependentes, agrupadas en torno á Plataforma ProCapd Ourense para reivindicar unha necesidade urxente que “semella un espellismo que non acaba de chegar nunca”. Lembra que tódalas forzas políticas asinaron o dito compromiso en 2016, pero que unicamente o PP se descolgou do acordo en 2019, cando se negou a reeditar o acordo.
Hoxe fan, dixo, “seis anos de promesas incumpridas” nos que as familias estiveron reivindicando un centro fundamental para garantir os mesmos dereitos dos seus fillos e fillas, e fundamental para asegurar o éxito do tránsito “complexo e delicado” destas persoas da etapa educativa á vida adulta.
Que lle fixemos
A responsable socialista preguntou “que lle fixemos –en Ourense- ao PP e ao goberno galego para que sexamos a única provincia galega sen CAPD público, a única na que pincha o paro” e na que o PP mantén na alcaldía a Jácome, quen “agrediu a unha sindicalista” que se estaba manifestando onte na Praza do Concello, para manter a presidencia da Deputación. “Que lle fixemos para tal abandono en máis de 13 anos do PP na Xunta e década na Deputación”, engadiu.
Lembrou que Galicia é unha das comunidades autónomas que menos invisten por persoa potencialmente dependente de toda España, cun goberno que “esconde case 10.000 persoas solicitantes de axuda á dependencia” para “ocultar a verdadeira lista de agarda insoportable para as familias de persoas con dependencia e discapacidade”.