Urxe ao Executivo galego a que reconsidere a reclamación que fixo a máis de 2.000 familias para que devolvan os cartos da RISGA por ser beneficiarias do IMV, tendo en conta a sentenza que anula a reclamación que Política Social fixo a un cidadán para que devolvese 4.500 euros por esta cuestión
A voceira de Política Social do Grupo Socialista, Marina Ortega, demandou hoxe á Xunta a adaptación da lei galega de inclusión para que a renda de inclusión social de Galicia (RISGA) sexa compatible co Ingreso Mínimo Vital (IMV) e “blindar así ás familias máis vulnerables”. Fíxoo, hoxe, na Comisión de Sanidade do Parlamento de Galicia, logo de presentar unha batería de preguntas orais a o goberno galego sobre esta cuestión.
“Por que despois de tanto tempo non se fixo a adaptación desta lei?”, cuestionou a socialista, quen cualificou esta cuestión como “fundamental, dado os tempos que estamos vivindo” e tendo en conta que o IMV, implantado polo goberno de España no ano 2020, foi concibido “como un ingreso complementario coas rendas autonómicas”. Sen embargo, matizou a socialista, a RISGA “é incompatible” coa mesma, tal e como sinala a lei de inclusión social de Galicia.
Isto ocorre, denunciou, cando os datos sobre rendas mínimas de inserción deixan a Galicia “nunha situación preocupante”, xa que a nosa comunidade “a penas chega ao 5% da cobertura de galegas e galegos que viven baixo o limiar da pobreza”, mentres “noutras comunidades como Euskadi ou Navarra chega ata o 60%” e “a propia contía da RISGA é das máis baixas do Estado respecto á renda media da comunidade”.
“A pobreza en Galicia ten rostro de muller, nena e neno, moza e mozo”, alertou a dirixinte socialista, quen considerou como “urxente” a necesidade de modificar esta lei para abordar unha situación “de emerxencia” cando moitas familias que “non chegan a fin de mes”.
Neste sentido, Ortega urxiu á Xunta que reconsidere a reclamación que fixo a máis de 2.000 familias para que devolvan os cartos da RISGA por ser beneficiaria do IMV, tendo en conta a sentenza que anula a reclamación que a Consellería de Política Social fixo a un cidadán para que devolvese 4.500 euros por esta cuestión, e dado que administración galega xa “era consciente” dende o primeiro momento de que isto ía ocorrer.
Así, a socialista sinalou que na actualidade o IMV cubre a case 37.000 galegas e galegos, pero no último informe sobre rendas mínimas de inserción, elaborado pola Asociación Estatal de Directores e Xerentes en Servizos Sociais, alertan de que Galicia se atopa entre as sete comunidades autónomas que “reducen o número de persoas beneficiarias das rendas mínimas e recortan presuposto coa coartada do IMV”.
Por último, Ortega lembrou que, ante esta situación, o Grupo Parlamentario Socialista presentou diversas propostas para estudar o novo contexto de exclusión social en Galicia derivado da pandemia e urxiu un “plan potente” contra a pobreza, con especial atención á pobreza infantil.