Lembra que foi Feijóo quen puxo sobre a mesa unha peaxe na sombra para aforrar 350 millóns de euros
A portavoz da Executiva do PSdeG, María Pierres, acusou hoxe a Feijóo de “mentir descaradamente” sobre o seu compromiso coa autovía a Porriño. Logo da súa intervención de onte diante do Círculo de Empresarios de Vigo, a responsable socialista lembra que foi o propio presidente da Xunta quen abriu a posibilidade de habilitar unha peaxe na sombra no tramo entre Vigo e Porriño para aforrar 350 millóns da infraestrutura.
A responsable socialista denunciou o “inconmensurable cinismo político” do presidente da Xunta, que “demostra unha vez máis que é capaz de dicir unha cousa e a contraria en menos de tres semanas”. Pierres aludiu á intervención do propio Feijóo logo da xuntanza coa ministra de Mobilidade o pasado 21 de xaneiro en Galicia de quen ademais lle lembrou que “ten nome e chámase Raquel Sánchez” –logo de que onte se referira a ela como sucesora de Ábalos-.
Criticou a “desvergonza” do presidente da Xunta, a quen lle reclama que “estea á altura do cargo que ostenta” e “abandone o seu ton de autosuficiencia e adecuarse á realidade dos feitos”. Lembra que a propia Xunta no seu comunicado oficial logo daquel encontro recoñecía que fora Feijóo quen ofrecera a posibilidade de aplicar unha peaxe na sombra.
Sinala que as mentiras de Feijóo “contrastan co traballo do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, e o compromiso da propia ministra, Raquel Sánchez, co Galicia, onde seguen avanzando no estudo de impacto ambiental da autovía Vigo – O Porriño que, por suposto, inclúe o túnel proposto polo Concello”.
Intervención Feijóo
O propio presidente da Xunta, literalmente, dixera daquela que “hemos planteado la posibilidad, para no abrir otra autovía de obra nueva, de hacer el tramo Vigo – Porriño de peaje en sombra y ahorrarnos los 350 millones de euros que vale esa autovía”.
Pierres conclúe que “foi o propio Feijóo en primeira persoa e en rolda de prensa quen puxo en cuestión a autovía”, e esixiulle que “deixe de buscar culpables e dar escusas de mal pagador”.