O responsable de Turismo do Grupo Socialista, José Manuel Pérez Seco, presentou hoxe unha pregunta en Comisión na que denunciou a falla de recursos postos a disposición pola Xunta para a inspección turística. Explicou que esta situación “dificulta a súa actividade e repercute directamente sobre o turismo galego e afecta de forma directa á organización do Xacobeo 2021”.
O deputado denunciou o “desleixo” da Xunta ao incumprir coa obriga de aprobar o Plan Anual de inspección Turística correspondente ao ano 2019, tal e como obriga o artigo 97 da Lei de Turismo de Galicia. Pérez Seco reclamou coñecer os motivos polos que non se aprobou o dito plan, cando xa deberan ter preparado o correspondente ao ano 2020.
Tamén destacou a “inadmisible falta de inspectores de turismo” en Galicia, e advertiu de “casos como o de Pontevedra, onde só hai tres inspectores para cubrir máis de 5.000 vivendas turísticas, centos de hoteis, axencias de viaxes, empresas de turismo activo”. Sinalou a “gran oportunidade” que supón o Xacobeo 2021 para marcar o modelo turístico dos próximos anos.
Reivindicou o reforzo da labor da inspección de turismo de cara a ofrecer un turismo sostible e de calidade, e sinalou que o desleixo do goberno galego provoca o empeoramento da experiencia turística dos visitantes en Galicia e da calidade da oferta, permite o intrusismo laboral, prexudicando aos guías oficiais que teñen que acreditar a súa preparación, así como ás empresas que compren coa lexislación, fomentando a economía somerxida.
Plan de inspección
Pérez Seco lembrou que no ano 2018 si que foi aprobado o dito plan de Inspección Turística, co obxectivo principal de “controlar a intrusión profesional” de cara a protexer os intereses dos usuarios e dos empresarios do sector. Este plan tamén incluía “unha vixilancia especial no Camiño dos Peregrinos a Santiago”, o fomento de “novas formas de aloxamento e establecementos situados en cidades e áreas costeiras, así como a área da Ribeira Sacra”.
Pérez Seco tamén destacou que dito plan tiña especial interese en verificar o cumprimento da normativa galego nos diversos aloxamentos turísticos ou establecementos de restauración. O plan tamén buscaba loitar contra o intrusismo laboral no eido dos aloxamentos turísticos e na actividade dos guías.