Lage Tuñas destaca o dobre obxectivo do PSdeG para o novo curso, que consiste en ser partícipes do proxecto de goberno de Sánchez e en liderar a alternativa ao PP na Xunta
Máis de 2.500 militantes e simpatizantes socialistas están inscritos para arroupar este domingo a “un invitado moi especial”, como é o presidente do goberno e secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, na XII Festa Socialista de Galicia.
Os socialistas galegos reeditan en Sigüeiro, no municipio de Oroso, a súa particular celebración que convoca á militancia de toda Galicia para “celebrar a existencia dun partido con máis de 144 anos de historia”, como así apuntou José Manuel Lage Tuñas, secretario de organización do partido. Puxo en valor tamén que o PSOE “segue sendo a principal ferramenta que temos os cidadáns progresista para cambiar a sociedade”.
Nun contexto político complexo, marcado pola apertura da nova lexislatura nas Cortes Xerais e a sesión de investidura de Feijóo, que todo indica que está abocada ao fracaso por falta de apoios, o PSdeG reúne á súa militancia para coller forzas e dar o seu apoio a Pedro Sánchez.
Apunta a esta cita como un día para “celebrar a existencia dun partido con máis de 140 anos de historia que segue a ser a principal ferramenta que temos os cidadáns progresistas para cambiar a sociedade”, xa que entende que o PSOE leva facendo isto dende a volta da democracia e que “todas as transformacións políticas, económicas e sociais se fixeron sempre dende os gobernos socialistas”.
Lage sinalou que socialistas galegos afrontan o novo curso político “cun dobre obxectivo”, sendo o primeiro o de “ser parte importante das políticas progresistas que queremos seguir facendo en España apoiando a investidura de Pedro Sánchez” como presidente do goberno. E o segundo, “o reto inmediato de liderar a alternativa” ao PP na Xunta de Galicia.
Deste xeito queren poñer fin a 14 anos de políticas caducas da dereita, que para o socialista “supoñen sempre recortes nos servizos públicos, na educación, na sanidade, nas políticas sociais”, ademais dunha “ausencia total de proxecto para este país, para Galicia”, concluíu.
Os socialistas reeditarán así por décimo segunda vez a súa festa do partido, que se instituíu no ano 2001 en Culleredo. A partir de aí, tivo diferentes localizacións como Caldas de Reis, Vilagarcía e Sigüeiro (Oroso), onde se celebra na actualidade. O pasado 2022 recuperouse esta celebración despois de seis anos sen realizarse.