O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, acusou hoxe ao goberno galego de “desfrutar explotando aos traballadores” e provocando unha “situación abusiva e explotadora” na sanidade pública. Torrado amosou o seu respaldo ás protestas convocadas para hoxe polos facultativos de Atención Primaria presentando unha proposta en Comisión para reducir a precariedade laboral, que foi rexeitada polo PP.
O responsable socialista acusou ao goberno galego de provocar unha “situación inasumible” cos profesionais traballando “por enriba do que son humanamente posible” logo de ter reducido en 10 anos 189 millóns de euros e 1.249 profesionais para sanidade, incluíndo as 150 prazas MIR que renunciaron a pedirlle ao goberno central. Acusou ao goberno galego de “limitarse a surfear a ola sen ningún criterio agás o de destrozar o sistema”.
Torrado advertiu que o modelo sanitario do PP “fracasa e fai augas” mentres o conselleiro de Sanidade limítase a responder que “es lo que hay”, preguntado sobre as condicións laborais dos profesionais sanitarios nunha entrevista a un medio de comunicación galego. Así respondeu aos profesionais que teñen que atender ata 50 pacientes ao día ao asumir a carga dos compañeiros de baixa ou vacacións porque o Sergas non quere contratar substitutos.
Lembrou que mesmo a xustiza está a fallar en favor dos profesionais e condenando ao Sergas por “concatenación torticera e fraudulenta de contratos” ou advertindo que a “inactividade e pasividade do Sergas” provocaba unha “nociva carga de traballo”, tal e como din literalmente as sentenzas xudiciais.
Criticou que o goberno galego responda a esta situación ofrecendo “datos falsos”, chegando a que o propio presidente da Xunta fale de 1.500 profesionais máis que hai 10 anos “sen que ninguén puidera dicir onde están”. Explicou que os Orzamentos da Xunta sinalan que en Atención Primaria hai 1.249 profesionais menos entre 2009 e 2019, e o rexistro oficial do Ministerio de Facenda apunta a que en Galicia “perdemos o 1,53 por cento do persoal en sanidade pública”.
Máis alá, o propio PP admitiu un nivel de precariedade superior ao 20 por cento –os socialistas estiman entre un 25 e un 30- ao anunciar que van facer estables a 5.000 pacientes, contradicindo a versión oficial que fala dun 8 por cento de eventualidade no Sergas.
Proposta
Os socialistas presentaran hoxe unha proposición non de Lei para pedirlle ao goberno galego un informe sobre a situación laboral específica da eventualidade no Sergas, e iniciar un plan estratéxico de reforzo do cadro de persoal e mellora da estabilidade no prazo máximo de seis meses.
A proposta, que foi rexeitada polo PP, incluía a petición de incorporar ao cadro de persoal a lo menos a tódolos traballadores e traballadoras que teñan encadeado 300 días ou máis de contratos eventuais no Sergas durante os últimos dous anos.