O voceiro de Educación do Grupo Socialista sinala que este “grao único” en Galicia ten unha “alta demanda” por parte do alumnado e debe impartirse dentro da oferta formativa “pública e gratuíta” de Galicia
Luís Álvarez vén de urxir á Xunta a volver a ofertar o grao medio de Emerxencias e Protección Civil, incluído na familia profesional de Seguridade e Ambiente en Galicia, que se impartía no IES Plurilingüe Antón Losada Diéguez de A Estrada. Fíxoo, hoxe, na Comisión de Educación do Parlamento, a través da presentación dunha pregunta.
Álvarez amosou a súa “preocupación”, xa que, logo de que a Xunta incluíse este ciclo dentro da oferta educativa no ano 2019, “non foi adxudicada ningunha praza para cursar estas ensinanzas para este curso nin se volveu incluír na oferta do curso 2020/2021”.
Así, o voceiro de Educación incidiu na importancia de retomar este curso dentro da oferta educativa, xa que se trata dun “grao único” en Galicia e que debe ser “unha prioridade absoluta considerando a importancia das competencias profesionais impartidas” no mesmo e dado que “calquera sociedade avanzada” precisa dun “persoal altamente cualificado dentro dos seus servizos de emerxencias”.
Ademais, Álvarez subliñou a “alta demanda” por parte do alumnado deste ciclo que presenta unhas “singularidades elevadas”, dun profesorado especialista e “alleo ao sistema educativo ordinario” así como dun “equipamento e instalacións especializadas, que non se atopan nos centros que dependen da Consellería de Educación”.
Por todo isto, o responsable socialista urxiu ao goberno galego a contar con este ciclo dentro da oferta formativa “pública e gratuíta” de Galicia.