Luís Álvarez critica as “rutas mal deseñadas” e sinala o “amplo rexeitamento” co que contou a planificación resultante do anterior contrato e, en concreto, as rutas que foron deseñadas para o CPI Uxío Novoneyra de Folgoso do Courel
O voceiro de Educación vén de urxir á Xunta a axilizar o novo procedemento de contratación das rutas de transporte escolar para asegurar o servizo no curso 2021-2022. Fíxoo, hoxe, na Comisión de Educación do Parlamento a través da presentación dunha pregunta á Secretaría Xeral.
Álvarez pediu explicacións ao goberno galego sobre a desistencia do procedemento de contratación tralo “recoñecemento expreso da falla de calidade técnica do traballo presentado pola empresa en cuanto á adecuación das propostas presentadas á necesidade que se trataba de cubrir”.
Neste senso, criticou as “rutas mal deseñadas” e incidiu no “amplo rexeitamento” co que contou a planificación resultante deste contrato e, en concreto, as rutas que foron deseñadas para o CPI Uxío Novoneyra de Folgoso do Courel.
Finalmente, lamentou que a empresa se escusase na “pandemia” cando sabemos que os desprazamentos a consecuencia da realización de traballos “non estaban prohibidos”, polo que “o traballo de campo para referenciar as paradas se podía ter levado a cabo, non digo en idénticas condicións, pero si con certa facilidade”.