O portavoz do Grupo Socialista preguntaralle a Rueda pola situación crítica da sanidade pública provocada logo de anos de recortes do PP
O portavoz do Grupo Socialista, Luis Álvarez, dixo hoxe que a falla de persoal sanitario e a situación crítica da sanidade pública é consecuencia directa da “falla de previsión” do goberno galego, que afronta cunha “dinámica de improvisación permanente”. O responsable socialista pediralle ao presidente da Xunta que responda no próximo Pleno do Parlamento do fracaso da xestión sanitaria por parte do goberno galego.
O responsable socialista lembra que a situación límite da sanidade pública galega se ven prolongando durante “demasiados meses”, sen que nin o conselleiro nin o presidente da Xunta sexan capaces de atallar “un dos maiores problemas da nosa Comunidade Autónoma. Lembrou que a falla de persoal polas xubilacións viña sendo alertada dende hai anos tanto polos especialistas en economía sanitaria como polos propios socialistas galegos.
A falla de resposta daquela por parte do goberno galego, que deixou de convocar 180 prazas de formación de profesionais sanitarios só de medicina de familia durante a última década, levou a que agora intenten resolver o problema dando “paus de cego”. Así se referiu ás recentes propostas de poñer á fronte do servizo a médicos en formación ou de retrasar a idade de xubilación, que cualificou de “ocorrencias” para reducir o impacto dunha situación “predicible”.
A situación da sanidade tamén será o eixo central de dúas preguntas orais do próximo Pleno do Parlamento, no que os socialistas galegos levarán á Cámara a situación dos servizos sanitarios entre os equipos e a dirección da Área Sanitaria de Santiago – Barbanza. Ademais, preguntarán polos futuros usos das instalacións do Hospital Provincial de Pontevedra logo do remate da ampliación do Gran Montecelo.
A sesión plenaria incluirá unha interpelación do Grupo Socialista para reclamarlle á Xunta que garanta o cumprimento dos dereitos sexuais e reprodutivos da muller en Galicia, e que garanta en concreto a aplicación da inminente reforma da lei da interrupción voluntaria do embarazo. Álvarez reclamou garantías diante dos “bandazos” do presidente galego logo da polémica co protocolo anunciado en Castela e León contra o aborto.
O Grupo Socialista levará ao próximo Pleno do Parlamento unha moción para reclamar un Plan de acción para aumentar as axudas ao alugueiro especialmente pensado para a mocidade, con axudas específicas para aqueles que estudan fora da casa.
Tamén terá lugar o debate da proposición non de Lei de iniciativa popular presentada por Xuventudes Socialistas de Galicia para a mellora do transporte público por estrada, no que XSG reclama o cumprimento das frecuencias de transporte, a garantía mínima dunha liña diaria de ida e volta entre concellos adxacentes ou a ampliación dos abonos transporte ata os 30 anos.
O Pleno do Parlamento incluirá unha proposición non de Lei con propostas para impulsar o autoemprego, logo de constatar o fracaso da estratexia económica da Xunta, que provocou a perda de máis de 2.500 autónomos en Galicia no ano 2022. Tamén presentarán unha interpelación pola polémica decisión de Medio Rural, que primeiro incentivou a conversión á produción ecolóxica para despois deixar aos produtores sen axudas económicas.
Finalmente, presentarán unha pregunta oral diante da “falla de respecto institucional” amosada de forma sistemática polos responsables do goberno galego nas visitas aos concellos galegos aos que convidan aos candidatos locais do PP pero “sen ter a deferencia de convocar aos alcaldes e alcaldesas cando non son do seu partido”.