Sinala que os informes solicitados polo presidente da Xunta e os alcaldes son avalados só por 3 de 5 conselleiros en nome de todo o Consultivo, “o que non é certo”
O portavoz do Grupo socialista, Luis Álvarez, reclamou hoxe no Parlamento que os informes elaborados polo Consello Consultivo por parte do presidente da Xunta ou dos alcaldes sexan avalados polo Pleno daquel órgano. Así o dixo no debate da modificación da Lei do Consello Consultivo que foi aprobada no Pleno do Parlamento polo procedemento de lectura única.
Álvarez explicou que a modificación, presentada polo PP a petición do propio Consello Consultivo, cambia a configuración do órgano para incorporar a dous conselleiros electos no lugar dun único, ademais do propio presidente, como é agora. O obxectivo é resolver o problema pola falla de conselleiros e conselleiras natos, que son os ex presidentes da Xunta de Galicia.
Con esta nova configuración, a sección de estudos e informes, composta polo presidente, un conselleiro electo e outro membro nato, poderá estar configurado por outro conselleiro electo para asuntos concretos, entre os que se encontran os informes solicitados pola Presidencia da Xunta e das entidades locais, que non teñen por que ser sometidos ao Pleno do Consultivo.
Sinala que desta forma, coa nova configuración, “tres conselleiros dun total de cinco avalan en nome de todo o Consello Consultivo informes nada menos que para a presidencia da Xunta de Galicia, o que non é certo”.
Hoxe foi aprobada, tamén polo procedemento de lectura única, a reforma da Lei do Consello de Contas e da Valedora do Pobo para modificar o réxime de incompatibilidades do ente fiscalizador, para impedir que o persoal do órgano poida percibir remuneración de calquera entidade pública que estea a ser fiscalizada polo propio órgano. No caso da Valedora, a reforma habilita que o persoal asesor poida ser substituído por causas debidamente xustificadas.