O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Luis Álvarez, reclamoulle á Consellería de Educación que como mínimo manteña o número de docentes contratados durante este curso. Así o dixo no debate dunha proposición non de Lei presentada polo Grupo Socialista no Pleno do Parlamento de hoxe, e que foi rexeitada polo PP.
O responsable socialista sinalou que “a pandemia puxo de manifesto as fortalezas do noso sistema educativo”, e explicou que “algunhas das medidas adoptadas con carácter extraordinario deben permanecer para consolidar o gran cambio que estamos a impulsar no noso sistema educativo”. Reclamou “converter a adversidade nunha oportunidade para acelerar a recuperación dun sistema educativo que se enfrontou á pandemia tras anos de recortes e enfraquecemento”.
Álvarez advirte de que a situación do próximo curso, mantendo as medidas de seguridade fronte á covid, aconsellan “o mantemento, cando menos, do mesmo número de profesores do curso que agora remata por motivos sanitarios e por dispoñer dos recursos económicos suficientes”. Aludiu a que a última Conferencia Sectorial aprobou manter a máscara obrigatoria nas aulas, grupos estables de convivencia ata 4º de Primaria e o reforzo as medidas de ventilación cruzada.
Apunta que “grazas ao esforzo de toda a comunidade educativa, os centros puideron manterse abertos e a situación foi de normalidade, tendo en conta a situación de crise sanitaria” e, engade, “a Xunta de Galicia non pode quebrar esa normalidade cando se lle aportarán os recursos para mantela”.
Segundo o goberno galego, este curso pasado incrementáronse 43 unidades en Infantil, 113 en Primaria, 425 en ESO e 127 en Bacharelato, ademais de 240 mestres e 1.058 profesores de Secundaria, incluíndo aquí os incrementos de oferta educativa non vencellados unicamente a necesidades derivadas da pandemia.
Fondos
O parlamentario socialista apunta que o goberno de España remitiulle a Galicia 103 millóns de euros para educación durante a covid – 19, dos cales 96,5 millóns corresponderon a transferencias directas para gastos extraordinarios. Estes fondos teñen como finalidade os gastos educativos, sinaladamente a contratación de profesorado, a habilitación de novos espazos e outras necesidades.
Advirte de que o PP e o goberno galego se teñen negado a ofrecer información detallada do destino dado pola Xunta aos fondos educativos, sinaladamente despois de que o propio Feijóo pedira explicitamente que “nos deixen tomar a decisión, que somos maiores de idade, de para que programas destinamos os fondos” (sic).
Ademais, sinala que o pasado 10 de febreiro foron analizadas as actuacións de Educación e FP do Plan de Recuperación que vén de ser aprobado pola Comisión Europea, e que contemplan 1.900 millóns para modernización da FP, 1.496 para dixitalización e 1.118 na prevención do abandono escolar. Estas partidas comprenden 124 millóns para a creación de 1.460 Unidades de Acompañamento e Orientación Persoal e Familiar do alumnado vulnerable”.