O portavoz do Grupo Socialista denuncia que o goberno galego leva 14 anos “axustando o ensino público” mentres mantén os recursos do concertado
O Grupo Socialista leva ao primeiro Pleno do curso a obriga aos inspectores de servizos sociais de avisar con antelación do calendario de inspeccións
O portavoz do Grupo Socialista, Luis Álvarez, centrará a sesión de control do primeiro Pleno do novo curso político na decisión da Xunta de suprimir un mínimo de 60 aulas e 89 profesores en educación Infantil e Primaria. Álvarez explicou que a cifra publicada polo goberno galego no DOG constitúe un dato “de mínimos” e que o número definitivo “vai ser considerablemente superior”.
O responsable socialista alertou de que a cifra final será superior toda vez que “estamos coñecendo a día de hoxe axustes en máis centros” de cara ao inicio do curso escolar. Luis Álvarez acusou ao goberno galego de empregar a redución de poboación como subterfuxio para “axustar as contas no ensino” público durante os últimos 14 anos, cando “non hai nin de lonxe unha redución parella no ensino concertado”.
Os socialistas galegos, explicou, levarán ao Pleno da próxima semana unha proposición non de Lei para esixirlle á Xunta que rectifique a redución de profesorado para este curso e a convocatoria da Mesa Sectorial de Educación para acordar as necesidades de cadros docentes para este curso e o impacto do peche de aulas.
O Grupo Socialista levará ao próximo Pleno unha interpelación na que preguntará á conselleira de Política Social pola súa decisión de obrigar aos inspectores de Servizos Sociais a entregarlles con tempo suficiente o seu calendario de inspeccións. Os socialistas faranse eco na Cámara da denuncia da Axencia Galega de Inspectores e Inspectoras de Servizos Sociais alertando desta práctica que resulta “como mínimo esteticamente feo”.
Amosou a súa preocupación por esta obriga imposta pola Xunta que en realidade vai contra a natureza mesma da inspección, que debe ser realizada “sen aviso previo”. Agora os cargos da Consellería “coñecen con anterioridade as datas e as horas nas que o persoal vai acudir aos centros sociais” para exercer unha función que debera garantir o cumprimento das condicións de atención ás persoas maiores.
Aborto
O Pleno do Parlamento incluirá unha pregunta oral do Grupo Socialista pola decisión da Xunta de externalizar a interrupción voluntaria dos embarazos de menos de 14 semanas, aludindo á falla de persoal e recursos e á necesidade de garantir o dereito á obxección de conciencia dos profesionais sanitarios. Álvarez preguntou se o conselleiro “faltaba á verdade” cando en xaneiro garantía que a sanidade pública dispoñía de persoal suficiente para levar adiante estes abortos.
O Grupo Socialista presentará ademais unha moción para reclamarlle á Xunta que informe do persoal do que dispón por áreas sanitarias e por categorías profesionais, unha cifra que o goberno galego quere agochar nos Orzamentos para o próximo ano. O portavoz socialista denuncia a “opacidade” da Xunta co obxectivo de “apantallar a realidade do déficit de persoal sanitario”, unha ocupación que en calquera caso “non se debera ter producido”.
Tamén presentarán unha proposición non de Lei para reclamarlle ao goberno galego que actualice a Lei do Deporte de Galicia, aprobada en 2012, para que permita declarar nulas as cláusulas antiembarazo que afectan ás deportistas femininas e que xa “non deberan de existir” en Galicia.
Luis Álvarez reclámalle ao goberno galego que siga o camiño marcado no Congreso dos Deputados ao actualizar a Lei do Deporte estatal e faga o mesmo para actualizar a norma autonómica en materia de igualdade efectiva de homes e mulleres.